Rifa polo galego entre Pontón e Rueda: "En perigo está a liberdade en Galicia se non se para ao BNG"

Rueda reivindica unha Galicia "orgullosamente bilingüe" e acusa de boicot ao pacto do galego ao BNG, que esixe cumprir o Plan de Normalización

Rueda, na sesión de control.
DAVID CABEZÓN / XUNTA
Europa Press Galicia
Publicado: miércoles, 20 mayo 2026 16:24

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 May. (EUROPA PRESS) -

   A situación do galego tornou en rifa a sesión de control no Parlamento deste mércores, onde, entre críticas de "17 anos de acoso e derriba" á lingua propia de Galicia, o presidente, Alfonso Rueda, negou que o galego estea "en perigo". "O que está en perigo, se non se lles para, é a liberdade en Galicia. Tamén a lingüística", espetou á líder do BNG, Ana Pontón.

    Pontón sacara a Rueda, entón na oposición, unha fotografía súa do ano 2009 participando, xunto con outros dirixentes populares, nunha manifestación organizada por Galicia Bilingüe. "Aquí estaba vostede na pancarta. En contra do galego. Sabe como se chaman agora os seus compis de pancarta? Falemos español", espetoulle.

   "Caretas fóra, señor Rueda. Leva vostede 17 anos traballando en contra do galego", continuou a dirixente nacionalista, a quen Rueda acusou de tentar "apropiarse" dun idioma que é "de todos". "Galicia é orgullosamente libre e orgullosamente bilingüe", agregou o presidente, quen admitiu "retos" como que máis novos falen galego, pero instou ao Bloque a non facerlles "odiosa" a lingua coas súas "formulacións" de "impor, impor e impor".

    Aínda que o debate mostrou a dous dirixentes nas antípodas, pendente de presentar o borrador, Rueda fixo un chamamento ao Bloque a que "tente sumarse ao consenso social e aos traballos que se están facendo para pechar un documento do pacto pola lingua", no canto de secundar a súa postura "de sempre" de "primeiro dicir non, logo saírse e despois rebentarlo".

    "Vostedes din que o galego está en perigo. Non, non. O que está en perigo, se seguimos así, e se non se lles para, é a liberdade en Galicia. Tamén a liberdade lingüística", advertiu.

    Pontón contestou que xa existe un gran pacto polo idioma aprobado no Parlamento, o Plan de Normalización Lingüística. "De que imposición fala? Sen igualdade non hai liberdade, pero onde está o 50% do galego no ensino?", preguntou, á vez que afeou "cinismo lingüístico" ao máximo mandatario autonómico.

"SITUACIÓN CRÍTICA"

   Pontón arrincara a súa intervención cunha alusión aos "miles de persoas" que encheran "" as rúas de Santiago o pasado domingo para "defender mil primaveras máis para o galego", unha lingua que "une", pero á que colocou "en situación crítica" após 17 anos dunha "política de acoso e derriba" na súa contra que atribuíu ao PP.

    "A cidadanía deste país está a pedirlle o chip, que salga de detrás da pancarta en contra do galego e que poña en marcha cambios porque é evidente que a súa política non é normal. Non é normal que se manifeste contra o galego (mostrou a súa foto nunha protesta de Galicia Bilingüe do ano 2009) e non é normal que vote en contra do idioma neste Parlamento", advertiu.

    "Alguén se imaxina ao presidente de Euskadi ou de Cataluña votando en contra do eúscaro ou do catalán. Pois é o que fixo vostede, unha indignidade que lle perseguirá sempre", afeou, antes de esgrimir que os datos oficiais son "demoledores" e confirman que, "co seu decreto da vergoña" --o da lingua no ensino--, a Xunta converteu o galego "nunha lingua de segunda".

    Pontón remarcou que o galego é "a única lingua do Estado que perde falantes e competencias", e censurou que, a pesar dos datos, Rueda defenda que se camiña "na boa dirección". "Cal é esa dirección? Aniquilar o galego. Efectivamente, se é así, van na boa dirección porque a este paso imos camiño dun lengüicidio", alertou.

   Pontón aludiu ao "dramático" informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) que non motivou que Rueda "movese un dedo" e remarcou que, a pesar de todo, o Bloque aínda confía en reverter a situación se hai "vontade política".

    A tal fin, fíxolle tres propostas: triplicar os fondos de apoio ao galego, derrogar "o decreto da vergoña" e "cumprir" o Plan Xeral de Normalización Lingüística, "ese gran pacto polo idioma que levan 17 anos boicoteando".

"ORGULLOSAMENTE LIBRE E BILINGÜE"

   "Pois non eran tantos o domingo", contrapuxo Rueda, antes de defender os pasos dados por parte do Executivo autonómico na promoción do uso do galego e de reivindicar o pacto que agora impulsa "con moitísima xente". "Quen falta? Vostedes, como sempre", continuou o presidente, quen suxeriu que o Bloque boicotea dita iniciativa.

    "Fan o de sempre no tres fases: primeiro, non; logo sáiome e despois intento rebentarlo desde fóra. O último exemplo, o Día das Letras, dous actos institucionais con xente con formulacións moi diferentes ideolóxicos e respecto do galego, pero todos unidos, dando exemplo de responsabilidade institucional. Os que faltaban eran os que sempre están polo non e agarran a pancarta", esgrimiu.

    Dito iso, subliñou que o BNG concorreu ás autonómicas "defendendo a independencia de Galicia e o monolingüismo en galego", mentres o PP defendía "o contrario" e os cidadáns déronlle a maioría absoluta nas urnas e enviou a Pontón á oposición "por terceira vez".

   Nesta conxuntura, o presidente remarcou que "por moito que moleste a quen manda" no Bloque, en alusión á UPG, Galicia "non é nacionalista, nin independentista", senón unha terra "orgullosa da súa lingua e da súa cultura". "Galicia é orgullosamente libre e orgullosamente bilingüe".

   Para Rueda, mentres Pontón "non entenda" que a lingua é un patrimonio "de todos" e non dun partido, e que está para "unir e non para dividir", poderá seguir "gritando moito, detrás de moitas pancartas e, UPG mediante, cotizando uns cuantos máis á Seguridade Social desde a oposición".

"XA TEMOS UN PACTO"

   Pontón reivindicou que xa existe un pacto ratificado no Parlamento, o Plan Xeral de Normalización Lingüística, e instou a cumprilo. Tamén ironizou con que Rueda agachase a cabeza mentres lle mostraba a foto da manifestación de Galicia Bilingüe, o que vinculou con que lle dá "vergoña" ver a súa "papeleta".

    Tamén acusou ao presidente de acudir á Cámara co seu "manual de manipulación" e preguntouse "de que imposición fala". "Onde está o 50% do galego no cinema? Onde está o 50% do galego no ensino? Onde está o 50% de galego nos medios de comunicación?", continuou, antes de advertir que "sen igualdade non hai liberdade" e de suxerir que o PP lle van a "roubar" ás xeracións máis novas "a liberdade de poder vivir en galego en Galicia".

    "Ese é o seu legado", sentenciou, mentres que Rueda halle replicado con ironía que ela non lle fai agachar a cabeza, senón que se atopa "entre o 99% dos mortais" que cando escribe a man, se non mira cara á folla, se lle "tuercen as liñas" --en referencia a que estaba a tomar notas--.

   Máis aló, contestou que a protesta do ano 2009 era contra a política lingüística do bipartito de PSdeG e BNG, que "moi pouco tempo despois perdeu as eleccións á primeira". "Xa basta de impor, impor e impor. De pretendernos impor aos demais as súas formulacións, tamén na lingua; basta de crispar e de repartir carnés de bos e malos galegos; e basta de pedir permiso para falar na lingua que nos dea a gana", aseverou.

   E concluíu sinalando ao Bloque como "a minoría que decidiu secuestrar ao galego para facelo seu antes que facelo de todo o mundo", antes de reivindicar que os cidadáns brindan nas urnas o seu apoio maioritario ao PPdeG. Pontón, pola súa banda, advertiulle ninguén lle votou para "atacar" ao galego.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado