O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a gravación da mensaxe de Fin de Ano de 2025. Museo Provincial (Pontevedra) - XUNTA DE GALICIA
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Dic. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, dirixiuse aos galegos este 31 de decembro na súa habitual mensaxe de Fin de Ano no que, ademais de facer balance do ano que termina, marcou a folla de ruta do seu Goberno para 2026: "Gobernar e non entreter, e moito menos indignar".
Desde o Museo de Pontevedra, o líder da Administración autonómica "ponse" as lentes de Alfonso Castelao para reflexionar sobre os retos que afronta en 2026 unha Galicia "que non se pon límites nin teito". "A experiencia ensínanos que sempre somos capaces de superalos", defende Rueda.
Reivindica así a figura de Castelao, "rianxeiro universal e poliédrico" cuxas ideas "hoxe forman parte do acervo común dos galegos". "A arquitectura institucional, política e cultural da Galicia de hoxe é posible porque antes a soñaron Castelao, Risco, Brañas, Otero Pedrayo e outros moitos intelectuais que amaban o seu país", sinala.
Entre os retos a afrontar, destaca Rueda, está o avance das redes sociais, que "marcan o compás do mundo". Fronte a esta realidade, o presidente aspira a facer de Galicia "un refuxio no que as cousas se entendan doutra maneira, un lugar no que seguir mirando aos ollos das persoas".
Por iso, anima aos galegos a compartir coas xeracións máis maiores tempo de calidade este Nadal. "Esas conversacións, eses testemuños de cando o tempo pasaba a outra velocidade, poden axudarnos moito a entender e adaptarnos mellor ao noso mundo", destaca.
2025: UN ANO "FRENÉTICO E INTENSO"
No seu discurso, Alfonso Rueda repasa un ano "frenético e intenso" e cita, entre outros temas, os incendios de "enorme virulencia" que provocaron "momentos de impotencia". "Inmediatamente puxémonos ao choio de maneira que ningún dos afectados quedase sen axuda. Fai falta traballar todos a un tempo, para ter un monte máis produtivo e máis protexido", defendeu.
Rueda reivindicou a acción do seu Goberno, defendendo que os executivos deben "gobernar e non entreter, e moito menos indignar". Nesta liña, asevera e como parte da "previsibilidad" que lles caracteriza, destaca que este xoves 1 de xaneiro entrarán en vigor os Orzamentos da Xunta para o ano 2026.
"Traballamos pensando en deixarlles ás nosas fillas e fillos unha Galicia mellor, non en facernos notar no medio do ruído. As mellores decisións non adoitan ser as máis impactantes e, ás veces, nin sequera son as máis populares", reflexiona.
Nesta liña, lembrou que nesta lexislatura duplicarán o parque público de vivenda e, xa en 2026, terán en marcha 4.000 novas vivendas que aos poucos irán abrindo as súas portas e converténdose en fogares para os mozos que se emancipan e para as máis de 44.000 persoas que chegaron neste ano a Galicia.
Alfonso Rueda citou tamén o papel da investigación e a innovación, subliñando que Galicia contará co supercomputador público máis potente do sur de Europa e unha do seis novas fábricas de Intelixencia Artificial do continente.
"GALICIA NON EXCLÚE A NINGUÉN CANDO SE TRATA DE CONSTRUÍR FUTURO"
Por outra banda, neste 2026 avanza que continuarán "alzando a voz" contra o "proteccionismo comercial que pecha portas inxustamente e que castiga a quen o fai ben, como son os produtores galegos".
Para o presidente da Xunta, Galicia reúne todas as condicións para beneficiarse das oportunidades económicas do futuro. "Os recursos, o talento e a estabilidade institucional se alían para que podamos converternos nunha das capitais da economía circular e das enerxías limpas. Fai falta actuar con intelixencia e con responsabilidade para que os novos sectores estratéxicos sigan o ronsel do téxtil, do agroalimentario e dunha automoción que, nun contexto difícil, non só aguanta, senón que se supera", apunta.
Alfonso Rueda fai tamén mención á educación como a ferramenta "máis poderosa" para "garantir o avance do país". "Por iso, non escatimaremos recursos para que as e os máis novos accedan a unha formación de excelencia, pública e gratuíta. Traballamos para mellorar a convivencia en todas as aulas e desterrar calquera tipo de comportamento ou actitude reprobable para acabar co acoso escolar", remarcou.
Nesta liña referiuse tamén á violencia contra as mulleres, "secuela" coa que hai que acabar. Ademais, destacou que Galicia conta cun sistema sanitario público "avanzado", "que ofrece o calendario vacunal máis completo do mundo, amplos programas de cribado e tratamentos punteiros na loita contra o cancro que eran impensables hai ben poucos anos". "Seguir avanzando nesta senda é unha obrigación irrenunciable", afirmou.
"Moitas das inxustizas que sufría Galicia e que denunciou Castelao son, afortunadamente xa, un mal recordo do pasado. Para combater os agravios que aínda existen, Galicia dispón das súas propias institucións, fortes e cribles, que garanten que a nosa voz nunca xamais volva ser ignorada. Na procura desa meta sumamos todos. Galicia non exclúe a ninguén cando se trata de construír o seu futuro. Con optimismo, con ambición, en positivo", anima o presidente da Xunta.
Alfonso Rueda conclúe a súa intervención mandando unha mensaxe de afecto a aqueles que pasan estas celebracións en soidade, que afrontan problemas de saúde ou que botan en falta a un ser querido, así como para aqueles emigrantes "que celebran estas festas lonxe da terra que levan sempre no corazón".