Rueda, "tranquilo" coa compra de máscaras en Galicia en 2020, alega que Contas xa examinou os contratos

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, en rolda de prensa. - XUNTA
Publicado: jueves, 29 febrero 2024 15:59

   Cre que BNG e PSOE buscan "desviar o tiro" do 'caso Koldo' ao pedir revisar os contratos de emerxencias de todas as administracións

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Feb. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, asegurou estar "absolutamente tranquilo" coas compras de máscaras e demais material sanitario realizadas pola Administración autonómica na pandemia do ano 2020, cando estaba á fronte Alberto Núñez Feijóo, porque --alegou-- xa "foron auditadas polo Consello de Contas".

   Así respondeu Rueda este xoves, tras a reunión semanal do seu goberno, ao ser preguntado polos medios de comunicación sobre a petición do BNG de realizar unha auditoría externa sobre os contratos de emerxencias asinados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) durante a crise sanitaria.

   Todo iso por mor de saír á luz o coñecido como 'caso Koldo', polo cal a semana pasada Koldo García, que foi asesor do exministro de Transportes José Luis Ábalos, foi detido no marco dunha suposta trama de corrupción con comisións na compra de máscaras en plena pandemia que tamén salpicaría a outras comunidades autónomas.

   Rueda reprochou ao BNG, "socio do PSOE", que pida "responsabilidades á Xunta" sobre os contratos para adquirir material sanitario cando non o fai co Goberno central. Neste sentido, o presidente da Xunta en funcións mostrou "tranquilidade absoluta" porque en Galicia estas compras "foron fiscalizadas polo Consello de Contas".

   "Estou absolutamente tranquilo, porque confío nos funcionarios da Xunta como sempre confiei e porque foron asunto de exame", recalcou o mandatario autonómico, quen ademais cre que tanto o BNG como o PSOE --que promove a creación dunha comisión no Congreso para investigar as contratacións realizadas por todas as institucións-- buscan "desviar o tiro" do 'caso Koldo' infundindo "sospeitas" sobre outras administracións.

INFORME DE CONTAS

   En concreto, o Consello de Contas publicou en xullo de 2023 un 'Informe de fiscalización do impacto da pandemia covid-19 no ámbito da contratación do Sergas', no que analizaba as adquisicións realizadas naquel contexto de crise sanitaria.

   Este documento ofrece unha análise sobre a compra de material sanitario e, no caso concreto das máscaras, recolle que o prezo medio por unidade que pagou a Xunta entre marzo e decembro de 2020 foi de 50 céntimos. En total, neste período mercáronse 46,6 millóns de máscaras --o 97,5% polos propios servizos centrais do Sergas-- a "un número reducido de provedores" (21) por un total de 23,4 millóns de euros.

   Contas explica que o prezo medio abonado polo Sergas "foi superior á media estatal", situado en 43 céntimos, pero porque neste cálculo tivéronse en conta as adquisicións realizadas polo Estado, que foron sobre o 75%. Se se analizan as que realizaron as autonomías, os 50 céntimos por unidade que pagou o Sergas se sitúan "entre os catro mellores" de entre as 14 comunidades que rexistraron datos.

   Nas súas conclusións, o Consello de Contas avala a tramitación de emerxencia dos contratos, que se realizaron "de maneira directa e por contratación verbal".

   É máis, o órgano fiscalizador ve "entendible" o emprego deste método "nos primeiros momentos" da pandemia, aínda que logo, con "a normalización dos mercados", reprocha que "se bota en falta" o emprego de procesos "máis respectuosos cos principios que inspiran a contrataicón do sector público", como a publicidade e a concorrencia competitiva.

   Así mesmo, o informe aconsellou o desenvolvemento de plans de continxencia "o suficientemente extensos para que non se produzan situacións de carencia de produtos e equipamento esenciais", incluído o mantemento dun stock estratéxico.

"AUSENCIA DE EXPLICACIÓNS" DO PSOE

   Volvendo ao 'caso Koldo', o presidente da Xunta en funcións volveu a afear a "ausencia de explicacións", que son "inexistentes" por parte do PSOE, sobre unhas revelacións "serias" e "moi concretas".

   Neste contexto, Alfonso Rueda ve "bastante basto" que se "tente falar dos demais" cando o Partido Socialista "ten un problema moi serio", porque "ninguén se cre que isto fose cousa dun asesor que estaba alí e que non falou con ninguén".

   O presidente galego tamén foi preguntado sobre o auto xudicial do 7 de febreiro, no que figura que Koldo García lle dixo a un investigado da trama que "quedara con Miguel Tellado --portavoz do PP no Congreso-- e 'Alberto' ao día seguinte".

   Sobre este asunto, Rueda remitiuse ás palabras coas que o propio Tellado negaba o feitos este mesmo xoves: "Xa dixo que o encontro non tivo lugar e que non falaron".

   Por tanto, "se non houbo encontro, pouco máis hai que falar", resolveu o titular da Xunta en funcións, quen considera que esta suposta vinculación de Koldo García co PP "vai de non falar do principal".