VIGO, 15 Abr. (EUROPA PRESS) -
O Sergas defendeu este mércores o traslado de maiores sans desde os centros xeriátricos á Residencia de Tempo Libre da Xunta en Patos, Nigrán (Pontevedra), unha medida baseada en criterios "científicos e sanitarios", e sinalou que a aparición de dous casos positivos de coronavirus nesa residencia non debe vincularse á decisión do traslado.
A través dun comunicado, sinalou que "a autoridade sanitaria garante o modelo de atención elixido para estes residentes como o mellor posible para preservar ás persoas máis vulnerables da exposición á enfermidade".
A ese respecto, Sanidade insistiu en que a decisión de centralizar na residencia de Patos a asistencia aos maiores non contaxiados está baseada en criterios indicados "polos expertos" para a atención e protección de grupos de risco neste tipo de alertas sanitarias.
"O feito de que se confirmou agora a enfermidade de dous residentes non se pode vincular coa adopción desa medida", recalcaron fontes sanitarias, que lembraron que todos os maiores trasladados a Nigrán (un total de 22, procedentes das residencias DomusVi de Barreiro e DomusVi de Cangas, ambas intervidas pola Xunta) foron sometidos a tres probas diagnósticas, dous PCR e un test de anticorpos, que deron negativo en COVID.
En todo caso, admitiron as mesmas fontes, "o risco cero fronte ao COVID-19 non existe, o 'período xanela' (o tempo que tarda en manifestarse o virus) é ilimitado e impredicible". De feito, engadiron, "hoxe en día os especialistas non teñen clarificado o comportamento desta enfermidade ao cento por cento, nin a evolución dos contagios".
Sanidade informou de que se está "estudando a causa da infección desas dúas persoas", unha das cales foi ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro, mentres que a outra foi devolta á residencia DomusVi de Barreiro, porque o seu estado non requiría hospitalización.
NOVAS PROBAS
Este mércores realizáronse novas probas a tódolos residentes de Patos, e Sanidade está á espera de resultados. Con respecto ao persoal, foros sometidos aos test entre os días 8 e 11 de abril.
Polo momento, as probas analizadas do persoal deron negativo, a falta dos resultados de catro traballadores, que poderían coñecerse nas próximas horas. Asimesmo, nos próximos días coñeceránse os resultados das probas realizadas aos maiores.
Finalmente, Sanidade incidiu en que tanto os usuarios como o persoal do centro de Patos "seguen estritamente todos os protocolos de protección, limpeza e distanciamento recomendados". "Se desinfectaron as instalacións, dotouse o centro de profesionais sanitarios, someteuse a todo o persoal e aos residentes ás probas necesarias e, durante os primeiros días e após o traslado, mantívose o illamento recomendado polos profesionais sanitarios", aseguraron fontes da Consellería.
FEIJÓO APELA Á CAUTELA
Pola súa banda, preguntado sobre este caso nunha rolda de prensa telemática que ofreceu este mércores, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que a "todas as persoas" que se trasladaron a este centro xeriátrico fixéranselles "tres test". "E mentres non pasaban tres test negativos non se trasladaban á residencia de Patos", remarcou.
En todo caso, aludiu a que a velocidade de incubación do virus é variable segundo as persoas, polo que "non se pode descartar" que algún dos residentes trasladado a Nigrán xa estivese incubando o virus, no que agora "deu positivo".
Así, apelou a ser "cautelosos" e sinalou que, aínda que pode ser "que o virus xa acompañase" aos diagnosticados na residencia de Nigrán, tamén "pode ser que non" e que "se collese" no propio centro. "É o que temos que pescudar e por iso estamos testando ás persoas que están nesa residencia, igual que testamos ao 40% das máis de 22.000 persoas que están neste tipo de centros en Galicia", concluíu.