VIGO, 23 May. (EUROPA PRESS) -
Os sindicatos cualificaron as explicacións que deu Manuel Fernández de Sousa sobre a situación de Pescanova como un "lavado de cara" e manteñen que é "culpable" da crise na multinacional pesqueira, actualmente en concurso de acredores.
As xustificacións que deu Fernández de Sousa, nunha entrevista na Cadea Ser recollida por Europa Press, non convenceron ás centrais sindicais, que cren que o presidente do grupo "deixou moitas cousas" por explicar".
En declaracións a Europa Press, o responsable de Alimentación de CC.OO., Francisco Vilar, subliñou que a xestión de Sousa e manobras como a venda de accións ou o incumprimento da obriga de presentar as contas son "inxustificables".
"Non recoñece a realidade dos feitos, e bota a culpa aos bancos pola falta de crédito", apuntou, e engadiu que, "a realidade é que a súa estratexia foi crecer a base de crédito e, ao pecharse a billa, se derrubou un castelo que non tiña solidez".
Vilar denunciou que, malia os intentos de Fernández de Sousa de "botar a culpa aos demais", foi el "quen levou o barco de Pescanova ás pedras". "Non hai nada de certo no que di, el é o verdadeiro culpable da situación da empresa pola súa xestión como presidente", sentenciou.
"MENTIU SEMPRE"
O voceiro de UGT, Ignacio Couñago, sinalou que as palabras de Sousa (na primeira comparecencia pública dende que se desatou a crise na multinacional) "poden ser unha lavada da súa imaxe de cara á opinión pública", pero apostilou que "aos traballadores xa non os engana, porque lles mentiu sempre, a pesar de que lle mostraran o seu apoio ata agora".
Couñago foi especialmente crítico coas palabras do empresario referidas á venda de accións e aos beneficios que lle reportou a operación, uns 30 millóns de euros. "Di que uns 10 reinverteunos na empresa, pero, ¿onde está o resto?", preguntou.
Por outra banda, insistiu en que "cada día se coñece algo negativo de Pescanova", e admitiu que a súa maior "preocupación" agora é saber que pasará cos traballadores, especialmente os daquelas empresas do grupo que aínda non asinaron os convenios.
PROBLEMAS
Así mesmo, o responsable da FGAMPTT da CIG, Xosé Fernández Piñeiro, explicou que os problemas de acceso ao crédito pola reestruturación do sistema financeiro "non son de agora" e que Sousa "xa tiña que saber que ía haber problemas para obter ese crédito".
O voceiro do sindicato nacionalista apuntou que as explicacións sobre a venda de accións "demostran a súa xestión opaca e individualista", e lamentou que o presidente de Pescanova "non foi nada autocrítico" a pesar de ser o "máximo responsable" do acontecido na multinacional.
Tras denunciar o silencio de Sousa sobre a verdadeira débeda do grupo, Fernández Piñeiro instoulle a colaborar "o máximo posible" cos administradores concursais, porque "non está a facer o suficiente". "Di que loitará para que non se liquide a empresa nin se fraccione, pero non deixa de ser unha declaración de intencións, porque xa non depende del," concluíu.