SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Jul. (EUROPA PRESS) -
Juan Pedro Sánchez, Ana Otero e Serxio Núñez xa se puxeron á fronte da Plataforma Ulloa Viva tras saír elixidos nas primeiras eleccións que o colectivo celebrou o pasado 5 de xullo en Palas de Rei, reivindicado que a entidade estará aberta a "todas as aliadas" na loita contra a fábrica que a multinacional lusa Altri quere instalar na localidade lucense de Palas de Rei.
Baixo o lema 'Ninguén se salva só; só nos salvamos xuntas', a nova directiva traballa no traspaso de poderes en colaboración coa anterior, así como nas "liñas e estratexias do futuro" cun único fin: "a loita contra Altri".
Con este obxectivo, a secretaria, Ana Otero, explicou nunha comunicación enviada aos socios o "concepto aperturista" da plataforma co "obxectivo principal de que o Proxecto Gama non se instale na Ulloa".
Por iso, defendeu que consideran a calquera persoa ou a calquera organización que comparta con eles esa meta como un "aliado" na súa loita.
Pola súa banda, o tesoureiro, Serxio Núñez, insistiu en que a Plataforma é "apartidista" e asegurou que "non fará proselitiso de ningún tipo de ideoloxía máis aló da confrontación" do proxecto de Altri e "das políticas en contra do territorio".
Así mesmo, o novo presidente, Juan Pedro Sánchez, apuntou que os socios recibirán informacións periódicas das actividades realizadas e das accións e propostas. Tamén afirmou que responderán a calquera demanda de información que lles propoñan.
PORTAVOCES
Ademais, Ulloa Viva presentou aos novos portavoces: Marta Gontá (que xa o foi ao comezo do movemento, cando ocupaba a Presidencia do colectivo), Xulio Fernández e Patricia Coucheiro.
Os tres, tal e como destacou a Plataforma nunha nota de prensa, serán os encargados de atender aos medios de comunicación e de transmitir no día a día os pasos, estratexias e valoracións públicas" relacionadas coa loita do colectivo contra o proxecto de Altri en Palas de Rei.