Unanimidade no Hórreo en defensa da AVE entre Vigo e O Porto, para o que os grupos piden prazos e partidas

Archivo - Arquivo - Hemiciclo do Parlamento galego
EUROPA PRESS - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: miércoles, 9 noviembre 2022 16:17

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Nov. (EUROPA PRESS) -

   Os grupos na Cámara galega uníronse para reclamar avances na conexión por liña de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto, para a que demandan prazos e partidas orzamentarias que permitan avanzar nunha infraestrutura que PP, BNG e PSdeG consideran "fundamental".

   Así figura nunha iniciativa parlamentaria presentada polo Grupo Popular e que foi aprobada co respaldo de todo o hemiciclo na sesión plenaria celebrada este mércores no Pazo do Hórreo.

   O texto, defendido pola deputada do grupo maioritario Teresa Egerique, demanda avances "inequívocos" nos tramos entre Vigo e O Porriño e entre esta localidade pontevedresa e a fronteira lusa a través de partidas nas contas de 2023 "que permitan compasar os tempos á planificación prevista polo Goberno de Portugal", que establece como marco temporal o ano 2030 para a chegada da AVE a Valena do Minho.

   E é que a parlamentaria popular lamentou que o Goberno central "só" orzase 29.000 euros de cara ao próximo ano e "cero" de cara "aos próximos exercicios" para esta infraestrutura "estratéxica", o que, a xuízo de Egerique, contrastra coa forma de proceder os seus homólogos en Portugal, que "demostran" o seu compromiso "con prazos, plans e diñeiro".

   "Imos apoiar porque é unha actuación fundamental para os dous países e para Galicia. Pero pedimos que non tenten torpedear as relacións dos gobernos de Portugal e España", aseverou a deputada socialista Patricia Otero, que defendeu que o compromiso do Executivo de Pedro Sánchez coa conexión por alta velocidade entre Vigo e Porto "é total"

   Como mostra diso, Otero sinalou que "proximamente" será publicado o estudo informativo do saída sur de Vigo, que forma parte desta infraestrutura que, segundo Otero, "foi torpedeada" polo Partido Popular na súa etapa na Moncloa.

   Pola súa banda, o BNG responsabilizou a PP e PSOE de que esta conexión aínda estea pendente de ser unha realidade en 2022, ano no que a AVE Vigo-O Porto vive "un novo tempo" debido ao Goberno protugués, "que lle dixo 'non' ao Goberno español, que a súa prioridade non era unha liña entre Madrid e Lisboa".

   Neste sentido, Bará aseverou que para o Executivo luso considera como unha prioridade esta infraestrutura por "dous motivos", primeiro, por razóns de vertebración territorial interna e tamén por conectar coa eurorrexión atlántica.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado