VIGO 4 (EUROPA PRESS)
Un dos vigueses que permanece en folga de fame dende o luns para esixir unha solución ao seu inminente desafiuzamento, Ricardo Martínez, trasladarase finalmente, coa súa muller e os seus dous fillos, a unha vivenda da Xunta na localidade de Salvaterra do Miño (Pontevedra).
Segundo informou este mércores a Consellería de Insfraestruturas e Vivenda, esta familia disporá desa vivenda e do Bono Alugueiro Social. Este mesmo mércores persoal do servizo provincial de Vivenda ensinou o piso a este vigués, quen "considerou que está adaptado ás súas necesidades", polo que lle será "adxudicada nos próximos días".
A Xunta afirmou que "está a traballar" para ofrecer unha solución ás outras dúas familias en folga de fame, ás que tamén ofrece vivendas fóra de Vigo, xa que na cidade olívica "a administración autonómica non posúe xa inmobles desocupados".
En todo caso, a Consellería precisou que seguirá buscando vivenda en Vigo para estes afectados. Ademais de Ricardo, hai outras dúas familias en folga de fame, en ambos os dous casos, tamén con fillos menores.