A Xunta activa o protocolo de actuación ante a posible chegada de partículas en suspensión do Norte de África

A calidade do aire pode empeorar na xornada do venres polo aumento das partículas PM10 e PM2,5 en toda Galicia

Archivo - Arquivo - Vista do po en suspensión na cidade, a 4 de marzo de 2026, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España). A chegada dunha masa de aire africano a Galicia provocou unha baixada na calidade do aire a 'regular' en varios puntos da comunida
Adrián Irago - Europa Press - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 21 mayo 2026 18:05

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 May. (EUROPA PRESS) -

   A Xunta de Galicia activou un protocolo de actuación ante a previsión dunha chegada de masas de aire africano que incrementarían as concentracións de partículas PM10 e PM2,5 no territorio galego.

   En comunicado, o Goberno galego explica que, de acordo cos modelos predictivos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, isto pode provocar que en determinadas zonas de Galicia (sobre todo nos concellos do norte da provincia de Lugo, da provincia de Pontevedra e do interior da provincia da Coruña para PM10 e nos concellos da provincia de Pontevedra e do norte de Galicia para PM2,5) a calidade do aire empeore, polo aumento das concentracións de partículas en suspensión, podendo producir efectos adversos na saúde humana.

   Por este motivo, e para reducir o seu posible impacto na saúde, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade recomenda, ata que este episodio finalice e, sobre todo, no caso da poboación sensible, limitar as actividades ao aire libre, como o exercicio intenso, pechar as portas e xanelas para evitar a entrada de po nos domicilios e usar máscaras e/ou lentes en exteriores.

   A poboación que pode verse máis afectada pola mala calidade do aire, debido á elevación das partículas en suspensión, son as persoas con enfermidades pulmonares ou cardiovasculares, principalmente asma ou EPOC, as persoas maiores, nenos, nenas e embarazadas.

   O tamaño das partículas (PM), determina o risco do po para a saúde. Destas partículas, as que poden causar efectos nocivos na poboación, son as PM10 de 10 micras ou menores, que producen síntomas como irritación nos ollos, nariz, boca e garganta.

   As menores de 2,5 micras (PM2,5), ademais, teñen a capacidade de introducirse nos pulmóns e no torrente sanguíneo, producindo sobre todo, unha diminución da capacidade respiratoria o que provoca problemas respiratorios e agravamento das patoloxías crónicas, como a asma ou a EPOC.

   Segundo o Índice de Calidade do Aire (ICA) establécense diferentes categorías de calidade do aire: boa, favorable, regular, mala, moi mala e pésima. A partir dunha calidade de aire regular pode existir un risco moderado para os grupos máis susceptibles, mentres que se deben tomar certas precaucións na poboación xeral a partir dunha calidade do aire mala.

   Desde este xoves activouse o protocolo de actuación ante estes incidentes atmosféricos no que varios departamentos da Xunta de Galicia están en permanente coordinación.

   A situación actual e a localización dentro da xeografía galega do nivel e tamaño destas partículas así como a predición da posible chegada nos próximos días pode consultarse na páxina web de Meteogalicia https://www.meteogalicia.gal/web/ica/portada.

   Para máis información sobre calidade do aire e saúde pode consultarse na páxina web aire saúde https://airesaude.sergas.gal/.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado