A Xunta aposta por "coller o tren das grandes linguas" ante a "irrupción da IA" para o fomento do galego

O PSdeG ve "escaseza" de accións e "moito proxecto, pero pouca base"; o BNG considera "desolador" o orzamento en Política Lingüística

Archivo - Arquivo - O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, comparece a petición propia ante a Comisión 4 do Parlamento de Galicia
CONCHI PAZ - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 14 abril 2023 14:30

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Abr. (EUROPA PRESS) -

   O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, defendeu este venres no Parlamento o traballo do seu departamento durante 2022 e as accións previstas para este 2023. Entre elas, o representante da Xunta destacou a necesidade de "coller o tren das grandes linguas", cos novos sistemas de tecnoloxías computacionais e algorítimicas e ante a "irrupción da Intelixencia Artificial" que, na súa opinión, "vai marcar a creación de contornas de voz".

   "A voz vai ser fundamental para a actividade de todos os ámbitos. Imos deixar de ter teclados e pantallas táctiles e todo se vai a mover arredor de ordes, conversacións e interaccións cos automatismos por medio da nosa voz. Isto é importantísimo para as linguas. É unha oportunidade moi grande, pero tamén todo un reto", explicou.

   O responsable de Política Lingüística compareceu este venres a petición propia na Comisión 4 de Educación e Cultura para render contas da actividade do seu departamento ao longo do pasado ano e para informar das accións anuais e a planificación de programas de fomento da lingua galega para 2023.

   Na súa intervención, Valentín García puxo en valor o Proxecto Nós, no que avanzou que está previsto incorporar ás universidades de Vigo e da Coruña. Así, detallou que esta iniciativa está incluída dentro do Perte da Nova Economía das Linguas, levado a cabo pola Vicepresidencia Primeira do Goberno, e que esta dotado de "dous millóns de euros" por parte do Executivo central e de "600.000 euros que achega a Xunta".

   Así mesmo, Valentín García tamén sinalou que durante este 2023 porán en marcha "o primeiro tradutor neuronal da historia de Galicia" que, segundo precisou, "empeza a funcionar cunha precisión abraiante". "Imos falar coas máquinas e as máquinas van falar connosco", relatou.

   No ámbito da tecnoloxía, o representante da Consellería de Cultura tamén puxo en valor a "última calculadora de Casio, que ten a opción xa de lingua galega". "Isto non é máis que unha pequena mostra de que se pomos a tecnoloxía a disposición da empresa e da industria, o galego pode acceder en pé de igualdade a toda esa tecnoloxía", reivindicou.

   Sobre isto último, a oposición criticou que exista un instrumento como unha calculadora científica que estea en galego, mentres "o galego non pode usarse en ningunha materia de ciencia".

   "É gracioso. De que serve ter ferramentas en galego se os nenos teñen prohibido dar matemáticas en galego?", lamentou a deputada socialista Noa Díaz.

   Na mesma liña expresouse o deputado do BNG Daniel Castro, que ve "unha boa noticia" que haxa "máis dispositivos en galego", pero considérao "unha metáfora". "Conseguimos que un instrumento estea na nosa lingua para non poder usala, porque non pode usarse en ningunha materia de ciencia. Quedou unha nota de prensa marabillosa, pero o uso que teñan na sociedade galega vai ser mais ben reducido", reprochou.

   Pola súa banda, o popular José Luís Ferro celebrou que o galego "conte con tecnoloxías básicas" para que aumente o seu uso. "Galicia e o galego non poden perder o tren da tecnoloxía e da dixitalización, por iso é importante o traballo que desenvolve a Secretaría Xeral co Proxecto Nós", defendeu.

ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN

   Así mesmo, durante a súa intervención, o secretario xeral puxo en valor as "417 actividades orientadas e dirixidas a un público infantil e familiar" que partiron da Rede de Dinamización Lingüística, entre as que destacou o programa 'TeCe Redes' e a incorporación dos Grupos de Desenvolvemento Rural.

   Neste contexto, afirmou que o pasado ano houbo un retorno "moi satisfactorio" e que este curso queren pór en marcha outras accións "no ámbito das redes sociais", pero tamén co foco "no presencial". Unha delas, manifestou, será o programa 'Sala de Fuxida', un sistema semellante ao coñecido como 'Escape Room' para que os máis novos "se atopen coa lingua".

   Neste sentido, precisou que se probará en 10 localidades galegas a través de xornadas nas que se pretende que a mocidade chegue, mediante este xogo, "a unha vivencia distinta" coa lingua.

   Do mesmo xeito, indicou que realizarán actividades de dinamización no ámbito deportivo, xa que foi un dos espazos nos que detectaron que "a mocidade segue interactuando persoalmente".

   Aínda neste ámbito, García destacou as actividades relacionadas coa toponimia que, segundo asegurou, "están a resultar moi ben" e levan o galego a "unha fase moi identitaria" e de "colaboración por todo o territorio". Así, lembrou o programa 'Galicia Nomeada', que conta con colaboradores en toda Galicia sobre un total de case 3.000 persoas que envían información sobre toponimia dos seus territorios.

   En canto á posta en valor da lingua a través das efemérides que se marcan cada ano, Valentín García subliñou a celebración este 2023 do centenario do Seminario de Estudos Galegos e o 40 aniversario da Lei de Normalización Lingüística, motivo polo que se realizará unha exposición no Parlamento para "facer balance" de "como lle foi ao galego nos últimos 40 anos".

   Para o PSdeG, estas accións "quedan bonitas sobre o papel, pero

   nada máis". Díaz recoñeceu "accións novas", aínda que "poucas", desde o seu punto de vista.

   "Parécenos que hai moita tecnoloxía, moito proxecto, pero pouca base. Parécenos que son un departamento de dinamización lingüística de calquera concello, máis que o instrumento para facer efectivas políticas en materia de igualdade", censurou.

   Por parte do BNG, Daniel Castro criticou que a Xunta "vive moito" do traballo "desinteresado" da sociedade civil e "do amor pola lingua de moitas persoas". Ademais, sobre o aniversario da Lei de Normalización Lingüística ve "significativo" que apareza "'museolizada'". "Quizais sería interesante poder falar de cambiala, porque a situación sociolingüística do país cambiou desde 1983", sostivo o deputado do Bloque.

BARÓMETRO CALVET

   No marco desta comparecencia, Valentín García tamén quixo pór en valor o último informe do coñecido como barómetro Calvet, "que mide o impacto que as linguas no ámbito internacional" e que, segundo relatou, dá ao galego "unha boa noticia". "Dinos que subimos nada menos que 10 puntos no ranking internacional das linguas", celebrou, antes de engadir que tamén "pon deberes" e sinala "onde están os puntos débiles", como a "transmisión intergeneracional da lingua".

    Ante esto, a socialista Noa Díaz puxo o foco nos "deberes" e en "que accións" pon a Xunta nesta cuestión. "Pensamos que moi poucas", considerou.

   Mentres, o parlamentario do Bloque pediu a Valentín García que sexan "máis contestatarios" co Goberno central e puxo exemplos nos que considera que a Xunta debería contestar, como "a desaparición da tradución do BOE en galego" ou que cheguen "só 10 millóns do Perte para o Proxecto Nós".

ORZAMENTO

   En canto ás cifras orzamentarias do departamento de Política Lingüística, García sinalou que se incrementaron en "800.000 euros" con respecto a 2023, chegando case aos 11 millóns de euros e coa "recuperación das accións en pospandemia".

   Tanto para BNG como para PSdeG os datos orzamentarios son "desoladores" e, aínda que ven "unha mellora", destacan que no bipartito destinábanse "21 millóns".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado