A Xunta convoca a mesa de apoio loxístico este martes para avaliar o impacto do conflito en Oriente Medio

Intercambiará información con clusteres, analizará con eles o efecto de cambios nas rutas e avaliará "medidas de apoio" de ser necesario

09 March 2026, Bangladesh, Chattogram: A vessel carry crude oil imported from the Middle East arrived today at the Chattogram Port. Photo: Mohammed Shajahan/ZUMA Press Wire/dpa
Mohammed Shajahan/ZUMA Press Wir / DPA
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 9 marzo 2026 14:47

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Xunta convocou para este martes á mesa de apoio loxístico á empresa para avaliar o impacto do conflito en Oriente Medio nunhas 600 compañías galegas que manteñen relacións comerciais con esta zona.

Ao encontro deste martes, ás 10,00 horas na sede do Igape, están convocados, por agora, o cluster da función loxística, o do granito, Ceaga, Clusaga, Cointega e Asime.

En paralelo, a Consellería de Economía e Industria permanece "en contacto continuo" coa antena do Igape en Dubai, o que lle permite, segundo asegura, "coñecer de primeira man a situación".

Trátase dunha mesa, a de apoio loxístico á empresa, prevista no borrador do plan director do sector da loxística. A Xunta decide adiantar a súa posta en funcionamento --antes da aprobación do plan-- por mor dos acontecementos e dado o escenario internacional.

A idea é manter un intercambio de información co tecido empresarial e tamén analizar o efecto de cambios nas rutas comerciais. A conselleira, María Jesús Lorenzana, apuntou que tamén se trata de "avaliar concretas medidas de apoio" ás empresas, "se fose necesario".

ESPAÑA, "MOITO QUE DICIR"

Na rolda de prensa posterior ao Consello, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou a vontade de "reforzar" o seguimento e apoio a 600 empresas que exportan a Oriente Medio. "Faremos todo o que está na nosa man", resaltou, despois de salientar que o Goberno central "ten moito que dicir".

Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, constatou que o escenario internacional é "complexo", tanto pola guerra en Irán como pola postura de Estados Unidos, e as súas repercusións no prezo da enerxía e no transporte marítimo.

Por iso é polo que a Xunta reforza "vixiancia e acompañamento", tendo en conta que Oriente Medio, en concreto, é un mercado "cada vez máis relevante" para Galicia e onde o comercio galego "triplicouse" desde o ano 2000.

Das 600 empresas que na actualidade comercian con Oriente Medio, unhas 200 teñen unha relación comercial "regular" no últimos catro anos. O volume de negocio total, entre exportacións e importacións, supera os 600 millóns, segundo os datos que deu a conselleira.

En concreto, Lorenzana indicou que os principais países son Emiratos Árabes e Arabia Saudita, cuns 80 millóns de euros de negocio, e "tamén hai outros" relevantes como Israel, "estratéxico" para a Xunta, cun volume de 115 millóns de euros en exportacións.

Os actores que teñen máis presenza nesta zona son os do téxtil e a automoción e o agroalimentario, pois entre o tres concentran o 90% dos tráficos exportadores e aí é onde quere "concentrar atención e seguimento" o Executivo autonómico.

O principal "impacto económico" do conflito "non é tanto o directo como o indirecto que se poida producir", polo mercado enerxético e o encarecemento do transporte marítimo e outras derivadas sobre as materias primas e os seguros loxísticos, segundo evidenciou a titular de Economía.

"Poden acabar trasladándose ao prezo final das exportacións e por tanto á competitividade das nosas empresas", explicou a dirixente.

A isto, segundo dixo, "hai que sumar e seguir vixiando" a incerteza relativa á postura de Estados Unidos, un "mercado importante pero non nin moito menos principal".

Lorenzana lembrou que as vendas a este país reducíronse un 32% o último ano, de modo que pasou de representar o 2,6% en 2024 ao 1,8% en 2025, "mantendo unha boa cifra comercial de exportacións". "É unha mostra de como as empresas galegas foron capaces de diversificar e adaptarse á situación con Estados Unidos", reivindicou.

A modo de resumo, Lorenzana indicou que o actual escenario "require prudencia e seguimento" e Rueda respondeu que vai haber "contactos e contactos estreitos" coas empresas consciente de que "todo isto non acaba de facer máis que empezar". "Faremos o que estea na nosa man, pero depende do que podamos facer como país", insistiu, en alusión ao papel "fundamental" do Executivo central.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado