Actualizado 22/08/2007 20:18

Adega asegura que a ZEPA non prexudicará aos agricultores da Limia, xa que recibirán "numerosas axudas" da UE

Galicia Actual

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Asociación para a Defensa da Natureza (Adega) asegurou hoxe que os agricultores afectados pola declaración dunha Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) na Limia (Ourense) non resultarán prexudicados, senón que, pola contra, terán opción a recibir "numerosas" axudas da Unión Europea.

Por estes motivos, e ante o rexeitamento de sindicatos agrarios como o SLG contra esta designación, Adega ofreceuse a informar e intermediar entre a Administración e agricultores para explicar aos veciños da Limia os seus "beneficios".

"Nestes días na Limia asistimos á difusión de rumores interesados que nada teñen que ver coa realidade desta zonas", recriminou a asociación ecoloxista, que asegurou que "non se "pode afirmar" que se van impedir certas actividades nesta zonas.

Precisamente, Adega destacou a existencia de numerosas axudas --Fondo Social de Cohesión, Fondos Feder ou Leader Plus-- para as áreas protexidas da Rede Natura e as zonas ZEPA, que se poderán empregar para reducir os impactos ambientais.

Por outro lado, en virtude da Política Agraria Común (PAC), advertiu de que as axudas para a agricultura corren o risco de desaparecer nos próximos anos, agás as utilizadas para a produción de calquera produto agrícola en zonas ZEPA e LIC (Lugar de Interese Común) da Rede Natura.

En todo caso, Adega deu a razón aos agricultores que afirmaron que non se lles informou "o suficiente" das implicacións que leva consigo a ZEPA de A Limia, "e isto hai que facelo previamente para evitar rumores infundados, que vician as posibilidades de desenvolvemento que supón a produción agrícola nas zonas protexidas".

Por estes motivos, solicitou á Administración que informe "detalladamente" os veciños da Limia e que se mostre "dialogante", ao tempo que pide os agricultores que "non se deixen levar polos rumores".