Actualizado 24/11/2007 17:54

Quintana pide un "grande pacto social" para erradicar os malos tratos, que motivaron 2.451 denuncias en Galicia en 2007

Galicia Actual

A Marcha Mundial das Mulleres recibe o Premio 'Eu Tamén Navegar' de loita contra a violencia de xénero


SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Nov. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, reclamou hoxe a formación dun "grande pacto social" entre administracións, asociacións, organizacións, xustiza, corpos de seguridade, sindicatos e medios de comunicación para "erradicar os malos tratos", unha lacra que provocou en Galicia ata outubro deste ano un total de 2.451 denuncias.

Así o apuntou o nacionalista durante a entrega da segunda edición dos premios 'Eu Tamén Navegar', un galardón que recoñece o traballo de asociacións na loita contra a violencia de xénero, e que recaeu este ano na Marcha Mundial das Mulleres.

Durante a súa intervención no acto, ao que tamén acudiu a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, Quintana resaltou o "compromiso" do Goberno galego con este problema, exemplificado na aprobación este ano da Lei Integral contra a Violencia de Xénero, unha norma que, en colaboración con todas as entidades sociais, "debe cumprirse".

Neste sentido, o vicepresidente subliñou que o Pacto Social que propón debe "actuar coa Lei na man" e propugnar que "a implicación de todos os ámbitos" para erradicar a violencia contra as mulleres "non é unha vontade optativa, se non unha obriga de lei".

Quintana aseverou, ademais, que a aprobación desta normativa non debe entenderse "como un punto de chegada", senón "como o de partida" do "traballo diario de toda a sociedade" contra os malos tratos que "debe implicar especialmente a homes, maridos, pais, compañeiros, amigos e empresarios".

No relativo ás cifras, Quintana reiterou que no que vai de ano "foron asasinadas en Galicia cinco mulleres" vítimas da violencia de xénero, e que na actualidade permanecen vixentes na comunidade un total de 2.423 ordes de afastamento.

IMPLICACIÓN.

O vicepresidente resaltou, así mesmo, a importancia que ten a loita contra a violencia de xénero dentro das políticas do bipartito, para o cal é "unha prioridade política", e enumerou as medidas postas en marcha polo Executivo autonómico, entre as que, ademais da Lei Integral, están o Salario da Liberdade e a organización do primeiro Congreso Internacional sobre violencia de xénero.

Neste sentido, Quintana referiuse ao presuposto de máis de 54 millóns de euros que a Administración dedicará en 2008 a políticas de igualdade, e resaltou que este tipo de accións deben "actuar contra o problema" e tamén "contra a causa", que é "a desigualdade entre homes e mulleres".

MARCHA MUNDIAL.

Quintana eloxiou durante a súa intervención a actividade da Marcha Mundial das Mulleres porque "é a proba de que non unicamente se globaliza a economía", senón "tamén a solidariedade" e a "denuncia de inxustizas" e apuntou que "as mulleres levan a vangarda" neste tipo de accións.

"A Marcha Mundial das Mulleres amósanos que a violencia de xénero é algo que nos concerne a todos", aseverou Quintana, e "contribuíu a sensibilizar a sociedade con este problema".

Neste sentido, Quintana animou á sociedade a cuestionarse "que fai contra a violencia de xénero" e instou á poboación a que "faga o mesmo que a Marcha Mundial das Mulleres: nin tapar os oídos, nin tapar os ollos, nin deixar que nos tapen a boca".

Pola súa parte, Ánxela Lagoa, integrante da Marcha Mundial das Mulleres, que recolleu o premio, resaltou que coas súas accións, este movemento pretende "erradicar a violencia de xénero" e apuntou que, este problema "afecta só as mulleres". Non obstante, incidiu en que é "toda a sociedade, modificando as estruturas patriarcais" a que "pode modificar a situación".

Tamén Ánxela Lagoa sinalou que "se deben desterrar as causas da violencia" para lograr unha "democracia real" e solicitou aos homes que "rexeiten o modelo patriarcal e deixen de ser cómplices dos malos tratos".