SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 May. (EUROPA PRESS) -
As novas aplicacións informáticas en software libre, a tradución ao galego do paquete ofimático Open Office 2.0 e un corrector ortográfico baseado na normativa oficial do galego actualmente vixente, poderán descargarde de balde a partir de mañá no portal mancomun.org.
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, que presentou hoxe estas novas ferramentas co gallo da celebración mañá tanto do Día de Internet como das Letras Galegas, explicou que non se trata dunha actuación "illada", senón que forma parte da Iniciativa Galega polo Software Libre, xa presentada o pasado 10 de maio.
O paquete ofimático Open Office 2.0 conta con procesador de textos, un xestor de folla de cálculo, base de datos, ferramentas para realizar presentacións multimedia, debuxos vectoriais, gráficos e fórmulas, ademais de varias utilidades de conversión de ficheiros. Con máis de de 40 millóns de descargas o pasado abril, Open Office é a ferramenta de software libre máis distribuída do mundo.
Pola súa banda, o corrector ortográfico, tamén descargable desde mañá desde mancomun.org, baséase na normativa oficial vixente da lingua galega, que se rexe polas normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego publicadas pola Real Academia Galega (RAG) en decembro de 2003.
SERVIZOS E CONTIDOS WEB
Por otra parte, o conselleiro de Innovación asinou un convenio de colaboración co presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández, para a presenza na rede de materiais lingüísticos de grande utilidade e alta calidade, para o uso xeneralizado dos galegos.
No mesmo acto Fernando Blanco subscribíu outro acordo co presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, Ramón Bermúdez, para que este colectivo realice un seguimiento da extensión da banda ampla nesta comunidade.
O titular de Innovación e Industria salientou que estas iniciativas "permiten conxugar" na previa da celebración do Día de Internet e das Letras Galegas o fomento da sociedade da información e da lingua.