Actualizado 28/04/2006 23:18

Antonio Simón Álvarez Pérez asumirá a próxima semana a dirección do Centro Galego das Artes da Imaxe

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Abr. (EUROPA PRESS) -

O profesor na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia en Vigo e director e productor Antonio Simón Álvarez Pérez tomará posesión a próxima semana coma novo director do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI).

Nacido en A Coruña en 1949, Álvarez Pérez está considerado fundamentalmente un home do teatro. Comezou nas artes escénicas en 1971 como figurinista e escenógrafo e profesionalizouse en 1975, dende cando, xa nos 80, colabora asiduamente co Centro Dramático Galego (CDG).

Así, desenvolveu multitude de labores, coma a de figurinista, escenógrafo, iluminador, actor e director; e no eido audiovisual estivo vencellado á xénese do cine contemporáneo en Galicia. Así, en 1997 dirixiu a 'A noiva de medianoite', na que adaptou con Lino Braxe un guión orixinal de Luís Buñuel e ten feito diversos labores para numerosas produccións da TVG. É director e actor de dobraxe desde 1985.

O CGAI

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) é un organismo dependente da Secretaría Xeral de Comunicación que se creou en 1989 e que foi inaugurado oficialmente o 15 de marzo de 1991. Adicado á difusión e documentación da imaxe en tódolos sentidos, o CGAI constitúe a institución responsable no ámbito do audiovisual coa que a Administración autonómica aspira a recuperar, catalogar, custodiar e difundir as produccións e as obras conformadoras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego.

Dentro das actividades que ven realizando de arquivo, restauración e fomento da promoción e difusión do audiovisual galego, o CGAI pretende un impulso novo mediante as novas ferramentas que proporcionan as tecnoloxías da información e as comunicacións, para levar todas as súas actividades pola xeografía galega e dar a coñecer mellor as artes da imaxe.