Carballo acolle este sábado a gala dos Premios Youtubeiras 2022, aos que optan 22 finalistas

Presentación da gala dos Premios Youtubeiras 2022, que se celebra en Carballo (A Coruña)
Presentación da gala dos Premios Youtubeiras 2022, que se celebra en Carballo (A Coruña) - PREMIOS YOUTUBEIRAS
Publicado: martes, 24 enero 2023 19:34

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Ene. (EUROPA PRESS) -

   O Pazo da Cultura de Carballo (A Coruña) acollerá este sábado a gala dos Premios Youtubeiras 2022, aos que optan un total de 22 finalistas en oito categorías distintas.

   Este martes tivo lugar na localidade da comarca de Bergantiños a presentación da gala, que será conducida por Cristina Collazo coas actuacións de LaMontagne e PicoAmperio.

   A presentación da festa dos 'youtubers' galegos correrá a cargo de 'Rafaela de Carral', encargada de pilotar unha gala a modo dun "concurso televisivo".

   "Será unha fantástica festa", resumiu a actriz e guionista Cristina Collazo, acompañada na presentación polo concelleiro do Concello de Carballo Marcos Trigo e o gañador do premio a Youtubeiro de 2021 e membro do xurado Mario Brión, Olaxonmario.

   Estes premios, organizados por unha ducia de concellos en colaboración coa Deputación da Coruña e o tres universidades galegas, pretenden recoñecer a creación de contido en galego.

   Os seus promotores destacan o crecemento das cifras desde o seu nacemento en 2017, cando o número de vídeos participantes foron 202, un número que se dobrou en 2020 até superar os 500.

   Nas dúas últimas edicións, os premios están orientados ás canles. En 2021 concorreron un total de 38, cifra que se multiplicou por dúas este ano, con 75 presentados.

FINALISTAS

   Así pois, 'Toxío', 'Tonio Cociña Galega' e 'Fica coa bóla' optan ao premio a mellor canle de youtube, mentres que Anxo Sánchez, Neeumátiko e A Bisonte fano ao de mellor 'youtubeira'.

   'A Moura' da canle Contos de Santalla, 'Bury your gais (Enterra aos teus homosexuais)' de Henfunk Studio e 'Erudita' de Piratas sen parche compiten na categoría de mellor vídeo.

   En 'Youtubeiro revelación' fano Marcos Borragueros, Histérikas Histórikas e Falemos do Reino de Galicia, canle que opta tamén ao premio á calidade lingüística xunto a Media Laranxa e Cóntallo a Cambados.

   Noites dispersas, Gallifrey Ceive e Pingado-Laura Veiga compiten na categoría de premio pioneiro; mentres que Proxecto R.E.D.E.S., A Lobeira Today e Exército Mekemekeme no premio Redes.

   Por último, o premio do público irá parar a 'Bembibre coas Tanxugueiras' de Xabi Gómez e Sara, 'Mitos e ritos de tempos de Defuntos. Conversa con Lida Mariño' de Orgullo Galego ou 'Eduardita' de Piratas sen parche.