Catro compañías de España, Italia e Lituania participan no IV Encontro Europeo de Danza Universitaria da USC

SANTIAGO DE COMPOSTELA 23 Abr. (EUROPA PRESS) -

As Universidades de Santiago (USC), Vilnius Universitetas de Lituania, a Carlos III de Madrid e a Segunda Universidade de Nápoles participarán a vindeira semana no IV Encontro Europeo de Danza Universitaria da USC, que se desenvolverá os días 24 e 25 de abril en Santiago e o 26 e 27 en Lugo con entrada libre e de balde.

O encontro ten como obxectivo favorecer o intercambio cultural a través da danza e achegar esta ao público a través das distintas propostas coreográficas das universidades participantes. Nos espazos universitarios as compañías manifestarán co corpo as súas inquedanzas e compatirán as experiencias e traballos realizados polas diferentes universidades en torno á danza contemporánea.

As actuacións, cunha duración total de unha hora e quince minutos, correrán a cargo da compañía 'A. Pulka Theatre' da Universidade Vilnius de Lituania, que representará a peza 'As verdades da cociña'; de 'El Laboratorio' da Universidade Carlos III de Madrid con 't..., t..., Tourette' con música de Mozart; a 'Asociación Cultural Le Bazarre' da Seconda Universidade de Nápoles coa representación de 'Matres Matutae'; e o 'Espazo de Danza Universitario' con 'Tientos e Silencios'.

Esta cuarta edicion inaugurarase o luns 24 ás 12.30 horas na Biblioteca Concepción Arenal coa exposición 'Ritmo para o espazo'. Os compositores españois e o ballet no século XX, do Centro de Documentación de Música e Danza do Ministerio de Cultura, na que o Espazo de Danza Universitario da USC realizará unha improvisación coa música en directo do acordeonista Aleix Martínez. O programa continuará coa actuación na Igrexa da Universidade de todos os grupos.

O martes 25 será o vestíbulo da Facultade de Ciencias da Comunicación o que acubille ás 13.30 horas as representacións para, ás 21.00 horas, voltar á Igrexa da Universidade.

O encontro trasladarase o mércores, día 26, ao Campus de Lugo onde a actuación terá lugar ás 20.30 horas na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial. O 27, e como remate, as catro compañías porán en escea as súas coreografías ás 12.00 horas no vestíbulo da Facultade de Veterinaria e, de novo ás 20.30 horas, no Museo Provincial.

Contenido patrocinado