Comunidades de Montes Veciñais organizan unhas xornadas para informar das "importantes funcións" destas organizacións

Actualizado: viernes, 28 abril 2006 20:59

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñáis en Man Común presentou hoxe en Santiago o III Congreso Galego de Comunidades de Montes que terá lugar os días 13 e 14 de maio no Auditorio Municipal de Caldas de Reis (Pontevedra) para informar das "importantes funcións" destas organizacións.

Baixo o lema 'Situar o Monte Veciñal na Sociedade Galega', as sesións desenvolveranse a través do debate de dous relatorios, 'O Monte Veciñal, o gran descoñecido da sociedade galega' e 'As actitudes dos/as comuneiros/as para mudar a situación'.

Este colectivo sinala que o Monte Veciñal en Man Común, a pesar de ocupar a cuarta parte do territorio galego, das importantes funcións sociais e medioambientais que cumpre e de ser un tipo de propiedade singular de Galicia, "é hoxe descoñecido por gran parte da sociedade".

Engade que malia formar parte do Dereito Civil de Galicia e do Estatuto de Autonomía, o monte veciñal en man común "non está plenamente recoñecido como unha propiedade especial" e os programas políticos, educativos e profesionais "ignórano e a opinión pública non lle concede valor".

"Darlle a volta a esta situación é tarefa dos veciños e veciñas comuneiros, únicos titulares destas terras. Mais tamén cómpre unha colaboración de toda a sociedade galega, beneficiaria dos seus servizos", conclúe a organización.