O concello de Oleiros (A Coruña) acolle mañá os actos de homenaxe a Alexandre Bóveda dentro do Día da Galiza Mártir

Actualizado: miércoles, 16 agosto 2006 13:38

Na xornada de mañá terá lugar a inauguración da rúa Alexandre Bóveda na zona de Catro Camiños na Coruña

A CORUÑA, 16 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Praza da Liberdade na parroquia de San Pedro de Nós en Oleiros (A Coruña) acollerá mañá pola tarde os actos de homenaxe a Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir. Os actos consistirán nunha ofrenda floral aos monumentos na memoria de Xaquín Taboada, paseado oleirense na Guerra Civil, e Alexandre Bóveda.

Outro dos actos previstos para a xornada de mañá é a inauguración da rúa Alexandre Bóveda na zona de Catro Camiños da Coruña no que participarán membros do Goberno local herculino e da Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

Os actos do concello de Oleiros contarán coa participación do concelleiro de Normalización Lingüística de Oleiros, Antón Tenreiro, do presidente da agrupación cultural Alexandre Bóveda, Francisco Peña, e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.

O acto pecharase coa actuación musical de Romero, Baamonde e Lamas, que interpretarán a marcha do Antergo Reyno de Galiza e o Himno Galego. Esta ofrenda está enmarcada dentro das actuacións previstas pola Recuperación da Memoria Histórica e doutros actos de homenaxe que se realizarán ese mesmo día na comarca da Coruña.

PROGRAMA DE ACTOS

O día comezará coa inauguración da rúa Alexandre Bóveda na cidade da Coruña situada na zona de Catro Camiños a cargo do Concello da Coruña e apoidada pola ACAB e unha ofrenda floral ao pé da placa da rúa.

A continuación realizarase un percorrido radiofónico por emisoras de radio coruñesas partindo dende a rúa Alexandre Bóveda ata o Barco da memoria atracado na dársena do Parrote na Coruña. Alí se dará a coñecer a figura de Alexandre Bóveda e o Día da Galiza Mártir no que estarán presentes persoeiros da cultura galega.

Pola tarde, os actos trasladaranse ata a parroquia oleirense de San Pedro de Nós onde se realizará a ofrenda floral. De volta ao Barco da Memoria o presidente da Asociación Cultural Alexandre Bóveda realizará unha intervención seguida da actuación do Coro da asociación.

A xornada finalizará cun concerto de música clásica no Barco da Memoria e o acendido da iluminación artística no barco co lema "Día da Galiza Martír-06".