A Deputación da Coruña convoca as subvencións para entidades asociativas agrarias e labregas da provincia

Actualizado: viernes, 10 marzo 2006 20:42

A CORUÑA, 10 Mar. (EUROPA PRESS) -

A área de Promoción Económica da Deputaciónde A Coruña vén de convocar a segunda edición das subvencións de agricultura dirixidas ás entidades asociativas agrarias e labregas de toda a provincia. A presente convocatoria divide as axudas en dúas liñas, unha para actividades e outra para equipamentos e infraestrutura.

O obxectivo destas axudas é apoiar ás entidades asociativas en proxectos destinados á valorización e recuperación dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola, gandeiro e forestal. Na presente convocatoria teranse en conta os programas innovadores, que poidan supoñer novas posibilidades para os labregos e labregas.

Cada entidade ou agrupación poderá solicitar dúas subvencións, do mesmo programa ou dos dous programas. A Deputación poderá conceder ata un máximo de 15.000 euros polo total das dúas solicitudes. O importe da subvención será de entre o 20 e o 80% do orzamento estimativo de gastos.

Poderán solicitarse subvencións para axuda ás explotacións que se integren en proxectos concretos de investigación e divulgación agraria para a adquisición de coñecementos teórico ? prácticos que lles permitan aplicar técnicas innovadoras de producción, transformación e comercialización das produccións agrarias.

Tamén poderán solicitarse para a valorización e comercialización das produccións agrarias en mercados de proximidade e tamén para proxectos relacionados coa multifuncionalidade do monte, enfocados á prevención dos incendios, e proxectos que fomenten a consolidación e a creación de emprego no medio rural.

No relativo ás axudas para infraestruturas e equipamento, inclúense as infraestruturas materiais (peches, locais, entutorados, pequenas estufas...) Canto ás subvencións para a actividade, inclúense os estudios de viabilidade de recuperación de produccións non desenvolvidas; aluguer de instalacións e maquinaria e tarefas de implantación e acondicionamento de cultivos, entre outras. O prazo remata o 10 de abril deste ano.