Letras Galegas.- Manuel Lugrís destacou pola súa contribución en defensa do idioma galego e de Galicia

Máis de 40 persoeiros recibiron a homenaxe da academia desde que en 1963 se instaurou esta data adicada á literatura e a lingua galega

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 16 mayo 2006 21:01

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 May. (EUROPA PRESS) -

A Real Academia Galega acordou dedicar o 'Día das Letras Galegas de 2006' a Manuel Lugrís Freire pola súa contribución en defensa do idioma galego. Este autor naceu na localidade coruñesa de Sada o 11 de febreiro de 1863 e morreu o 15 de febrerio de 1940 na cidade da Coruña.

Segundo a Academia, a biografía e a obra de Lugrís mostran "unha vida de total entrega á dignificación e á normalización da lingua galega, sempre unida á defensa de Galicia, para o que participou na creación de moi diversas entidades políticas e culturais".

Entre os datos biográficos máis salientables está o feito de que Manuel Lugrís fundou en Cuba o primeiro xornal escrito integramente en galego (A Gaita Gallega, 1885-89); foi un dos membros fundadores da Academia Galega e o seu presidente entre o 28 de abril do 1934 e o 20 de agosto do 1935 e foi o primeiro en usar en público o galego nun mitin, en 1907 en Betanzos nun acto do Sindicato Solidaridad Gallega do que fora fundador.

Asemade en 1916 participou na constitución da Irmandade da Fala da Coruña; en 1922 publicou Gramática do idioma galego, a primeira escrita no noso idioma; en 1923 ingresou como correspondente no Seminario de Estudos Galegos cun discurso sobre Pondal; e en 1932 participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía (e logo do proxecto), en representación do Partido Galeguista.

No que respecta á produción literaria, tratou practicamente todos os temas, pero salienta sobre todo a súa obra teatral, coa que inaugurou o teatro galego en prosa. En 1894 publicou o primeiro libro de versos, 'Soidades'; en 1901, 'Noitebras', tamén un libro de versos. En 1903 publicou 'A Ponte', unha peza teatral que se estreou no Teatro Principal da Coruña ese mesmo ano; en 1904, o drama 'Minia', que se estreou no Teatro Jofre de Ferrol, e 'Mareiras', drama estreado no Teatro principal da Coruña.

En 1906, Manuel Lugrís deu a coñecer o drama 'Esclavitú', que sería estreado en 1910; publicou 'Contos de Asieumedre' en 1909; dez anos despois, 'Versos de Loita' e a comedia 'Estadeíña'; en 1927, o libro de poemas 'Ardencias', e, ao ano seguinte, outro poemario que titulou 'As mariñas de Sada'.

Ademais da súa extensa produción literaria tamén hai que destacar as súas colaboracións na prensa da época, da que dan boa mostra os artigos publicados en 'Revista Gallega', 'A Nosa Terra', 'A Gaita Gallega' e 'El Eco de Galicia', entre outros xornais.

OUTROS AUTORES HOMENAXEADOS

Entre 1963, ano no que comezou a conmemoración do 'Día das Letras Galegas', os persoeiros homenaxeados foron Rosalía de Castro; Castelao; Eduardo Pondal; Francisco Añon Paz; Manuel Curros Enríquez; F. López Cuevillas; Antonio Noriega Varela; todos eles na década dos anos 60.

Asemade, na década dos 70, as Letras Galegas lembraron a Marcial Valladares Núñez; Gonzalo López Abente; Valentín Lamas Carvajal; Manuel Lago González; Xoán Vicente Viqueira Cortón; Xoán Manuel Pintos Villar; Ramón Cabanillas; Antón Vilar Ponte; Antonio López Ferreiro; Manuel Antonio; e Alfonso X, O Sabio.

Nos seguintes dez anos a Real Academia Galega adicou esta data a Vicente Risco; Luis Amado Carballo; Manuel Leiras Pulpeiro; A. Cotarelo Valledor; Antón Losada Diéguez; Aqullino Iglesia Alvariño Francisca H. Garrido; Ramón Otero Pedrayo; e Celso Emilio Ferreiro.

A figura de Luís Pimentel abriu a lista de homenaxeados entre 1990 e 2000, na que tamén tiveron o seu espazo Álvaro Cunqueiro; Fermín Bouza-Brey; Eduardo Blanco-Amor; Luís Seoane; Rafael Dieste; Xesús Ferro Couselo Anxel Fole; os trovadores Martin Codax, Johan de Cangas e Meendinho; Roberto Blanco Torres; e Manuel Murguía.

Por último entre 2001 e 2005 os persoeiros aos que se lle adicou o 17 de maio foron Eladio Rodríguez; Frei Matín Sarmiento; Antón Avilés Taramancos; Xaquín Lorenzo Fernández; e Xesús Varela Vázquez. Este ano será a figura de Manuel Lugrís Freire a que se incorpore a este recoñecemento da Real Academia Galega, concedido así a máis de 40 persoeiros.

Contenido patrocinado