A RAG acorda adicar o Día das Letras Galegas de 2007 á poetisa noiesa María Mariño Carou

Actualizado 07/07/2006 21:57:12 CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Jul. (EUROPA PRESS) -

O plenario da Real Academia Galega decidiu na súa reunión de hoxe adicar o Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2007 á poetisa noiesa María Mariño Carou, "unha figura que aínda hoxe é preciso descubrir porque as circunstancias sociais e persoais nas que viviu fan que a súa poesía sexa de difícil acceso para o gran público".

Nun comunicado, a RAG destacou que a obra literaria de María Mariño, falecida en Parada de Courel no 1967, está marcada polas circunstancias vitais que a rodearon, de tal xeito que a súa condición de muller e a pertenza á clase humilde fixeron que o acceso á cultura fose francametne difícil.

A súa poesía inspírase na tradición popular "onde non é allea a inevitable presenza de Rosalía de Castro", e enríquecese coa intimidade profunda dunha muller madura.

María Mariño Carou tivo que poñerse a traballar desde nova para axudar á feble economía familiar. As difíciles circunstancias económicas e o comezo da Guerra Civil levaron á súa familia a Boiro, onde tomou contacto coa literatura escrita. Despois dunha tempada no País Vasco, retornou a Boiro, onde coñeceu ó que sería o seu home, Roberto Posse Carballido, con quen casa no 1930.

Ela e o seu marido, mestre de profesión, instálanse definitivamente en 1947 en Parada do Courel. No 57 iníciase como escritora e no 63 a Editorial Celta edita o seu único libro publicado en vida, 'Palabra no tempo', con prólogo de Ramón Otero Pedrayo, co que tiña unha intensa relación epistolar.

Na súa vida, tamén tivo relación con figuras da cultura galega como Manuel María, Uxío Novoneyra, Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell, Sixto Seco ou Augusto Assía. Xa enferma de leucemia, compuxo a totalidade dos poemas da súa obra póstuma, 'Verba que comeza', onde a poeta amosa a súa angustia existencial ante a presenza da morte, que lle chegaría en maio do 1977.