SANTIAGO DE COMPOSTELA 10 Abr. (EUROPA PRESS) -
O Padroado da Fundación Alexandre Bóveda acordou hoxe, en Pontevedra, a creación dunha cátedra universitaria que, co nome deste galeguista, estudará e dará a coñecer a súa figura e, en xeral, o movemento galeguista da súa época, o chamado "galeguismo histórico".
Na creación desta nova cátedra Alexandre Bóveda participan, ademais da devandita Fundación, a Consellería de Cultura e Deporte, o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo; así mesmo, colabora Caixanova.
O director xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería, Luís Bará, amosouse hoxe satisfeito co acordo e indicou que permitirá "darlle relevancia á figura de Bóveda neste Ano da Memoria e no setenta aniversario da aprobación do Estatuto de Galiza de 1936".
A Consellería de Cultura, que dirixe a nacionalista Ánxela Bugallo, organiza durante todo este ano 2006 unha serie de actividades para homenaxear e investigar a xente represaliada durante a Guerra Civil en Galiza. Precisamente, Bóveda foi fusilado polas tropas franquistas.
CENTRO DE ESTUDOS E PREMIOS BÓVEDA
A Cátedra Bóveda contará cun orzamento anual de 60.000 euros e comezará o seu funcionamento no segundo semestre deste ano. O 17 de agosto organizará un cartafol poético con poemas maiormente inéditos de autores galegos. Tamén dentro do marco da Cátedra en novembro haberá unhas xornadas sobre Bóveda e a súa relación co estatuto do 1936. Por outra banda, a Cátedra outorgará un Premio Bóveda en Ciencias Económicas, Políticas e Sociais.
Esta cátedra tamén colaborará na creación do Centro de Estudos e Documentación Alexandre Bóvedra para compilar e analizar os documentos da familia Bóveda e doutras fontes sobre o galeguismo histórico. Finalmente, dentro dos seus obxectivos de investigación e divulgación organizará cursos, encargarase de realizar publicacións e outorgará bolsa de investigación.