SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Feb. (EUROPA PRESS) -
O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva, urxiu este luns ao Ministerio do Interior a que complete o cadro da Policía Autonómica, despois dos casos de agresións rexistradas en Galicia nas últimas semanas, máxime en zonas de lecer.
Despois de incidentes violentos rexistrados en semanas pasadas en puntos como Lugo ou Santiago, o pasado sábado un mozo foi agredido cunha navalla na Coruña e outro foi apuñalado nun pub de Vilalba (Lugo).
Preguntado en concreto pola agresión con navalla a un mozo na Coruña, Villanueva asegurou estar "moi preocupado" por este tipo de acontecementos que, asegura, "son comportamentos que se están repetindo na sociedade galega".
Así, asegurou que é un feito que "preocupa á sociedade e aos corpos de seguridade". Uns corpos que "tratan de previr" estas situacións, pero, asegurou, que "faltan efectivos" para dar seguridade á cidadanía.
DÉFICIT DE CADRO
Por iso, Villanueva reclamou ao Ministerio de Interior un reforzo para completar o cadro da Policía Autonómica e así axudar ao resto de corpos en "casos como este".
O responsable dos servizos de emerxencias de Galicia lembrou que a pesar de contar cunha capacidade de cadro de 500 persoas, actualmente o corpo de seguridade autonómico só conta con 360 efectivos, un 70 por cento dos axentes cos que podería contar este servizo.
Tras intervir nun acto de entrega de vehículos a Protección Civil este luns en Santiago de Compostela, Villanueva insistiu na necesidade de completar o cadro da Policía Autonómica, que debe "dar un servizo á cidadanía galega" en colaboración coas policías locais e a Policía Nacional.
O representante da Xunta afirmou que é "inexplicable" esa carencia de efectivos, mentres a policía local e a policía nacional "están por enriba do 90 por cento".