VIGO 9 Mar. (EUROPA PRESS) -
A 'número un' do BNG ao Congreso por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, acudiu hoxe ás urnas ás 10.30 horas no colexio público A Doblada de Vigo, onde fixo un chamamento á sociedade para que vote "segundo lle pareza, pero que vote".
Na mesma liña, considerou que a participación electoral é "moi importante" porque é o modo de que os cidadáns decidan os que van ser os seus representantes nas Cortes. "Non se pode protestar cando as cousas se fan mal se previamente non se participa nesa elección", asegurou.
Por outra banda, Fernández Davila constatou que a xente "está moi ilusionada" e que a campaña foi "moi positiva" para a formación frentista, polo que reiterou o seu desexo de que "ninguén quede hoxe na casa".
Como conclusión na súa declaración ante os medios, a cabeza de lista do BNG desexou que a xornada electoral sexa "un día de alegría" no que "non aconteza nada".
Olaia Fernández Davila seguirá o escrutinio electoral dende a sede do partido na cidade de Vigo a partir das 20.00 horas, cando se pechan as mesas.