(AM)María Victoria Moreno será a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018

María Vitoria Moreno, homenaxeada nas Letras Galegas 2018
RAG

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Día das Letras Galegas de 2018 estará dedicado á escritora e profesora María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941 - Pontevedra, 2005), segundo fixo publico este sábado a Real Academia Galega, que destacou a súa contribución á literatura en galego para os máis novos.

A decisión adoptouse no transcurso dun Pleno ordinario da Real Academia Galega celebrado na Coruña, no que tamén se nomeou académica de honra a Mariña Mayoral e académicos e académicas correspondentes a Takekazu Asaka, Marcos Bagno, Olga Castro, Helena González, Kirsty Hooper, Helena Villar Janeiro e Helena Zernova.

A decisión tomouse entre o cinco candidaturas que concorreron a esta sesión, as de Ricardo Carvalho Calero, Plácido Ramón Castro del Río, Antón Fraguas Fraguas, Eusebio Lorenzo Baleirón e María Victoria Moreno Márquez. Finalmente, a elixida foi Moreno Márquez, que se converte na cuarta muller en ser homenaxeada nesta xornada en 55 anos de celebración.

O feito de que a elixida sexa precisamente unha muller --xunto coa incorporación de honra doutra, Mariña Mayoral-- foi destacado polo presidente da RAG durante o acto, así como a contribución de María Victoria Moreno á literatura infantil e xuvenil.

Licenciada en Filoloxía Románica en Madrid, María Victoria Moreno chegou a Galicia en 1963, con só 22 anos, como profesora, e "enseguida asumiu a cidadanía en galego", lembrou a RAG, idioma no que enriqueceu as letras da Comunidade tanto en narrativa --principalmente para mozos lectores-- como en estudos literarios, en ensaio, en poesía e en didáctica da lingua e da literatura galegas.

"Eu non son alófona, por que o que practico, se é que escribo, podería definirse como unha amorosa autofonía. A miña relación con Galicia é a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor", declarou María Victoria Moreno en 1993.

TRAXECTORIA

En 1973, María Victoria Moreno publicou en Edicións do Castro o seu primeiro libro en galego, 'Mar Adiante', ilustrado por ela mesma, un ano despois de gañar con 'Clarisa e o luceiro' o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís do Facho. Con esta primeira novela, a profesora de orixe estremeña convertíase nunha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis novo, ao que dedicaría boa parte da súa produción literaria.

Outro título destacado na súa traxectoria, 'Anagnórise' (Galaxia, 1989), é un dos maiores éxitos da literatura xuvenil en galego e, de feito, a novela foi incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil).

O seu libro preferido era 'Leonardo e os fontaneiros' (Galaxia, 1986), co que gañou o terceiro premio O Barco de Vapor de 1985. Con 'Gedellas de seda e liño' (1999), entrou na prestixiosa listaxe internacional de White Ravens 2002 e un par de anos despois publicaría 'Diario da luz e a sombra' (Xerais, 2004), onde reflectiu a experiencia da enfermidade que acabou pouco despois coa súa vida, o 21 de novembro de 2005.

A Real Academia destacou tamén que María Victoria Moreno "soubo transmitir a paixón pola lingua e a literatura como profesora", tanto nas clases de lingua galega "semiclandestinas" que impartía gratuitamente nos anos 70 en Pontevedra (Asociación de Amigos da Cultura, 1971-1974), Vilagarcía de Arousa (1973-1975) ou Ourense (Ateneo, 1974-1975) como nas oficiais de Lingua e literatura españolas que deu durante décadas no ensino secundario. Polas primeiras, en concreto as impartidas no Ateneo de Ourense, a Policía de Pontevedra chegou a retirarlle o pasaporte a comezos de 1975.

A tradución é outro terreo no que María Victoria Moreno realizou achegas destacadas. Así, traduciu obras desde ao catalán, idioma co que dialogaba como filóloga e poeta, e realizou as traducións ao castelán da antoloxía bilingüe 'Os novísimos da poesía galega' (Akal, 1973), antoloxía que preparou e prologou con poemas de Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño ou Xesús Rábade.

Finalmente, a RAG lembrou outras facetas da autora, como a de libreira en Pontevedra, onde abriu xunto a outros intelectuais, en 1968, a libraría 'Xuntanza', "unha trincheira máis para promover a literatura e difundir os libros". No campo editorial, foi ademais codirectora da colección infantil de Galaxia, 'Árbore', desde o seu inicio.