SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 May. (EUROPA PRESS) -
A circulación polas estradas da rede autonómica descendeu un 6,7 por cento en 2012 en Galicia fronte a 2011, o que se traduce en que a intensidade media diaria foi de 3.011 vehículos fronte aos 3.227 de 2011 --216 menos--.
Diso informou este sábado en rolda de prensa o conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, quen achacou este descenso xeneralizado en "todas as provincias e todos os tipos de estrada" de forma "evidente á crise económica", pois cree "incuestionable que afecta á mobilidade".
Baseándose na memoria de tráfico da Rede Autonómica de Estradas de Galicia de 2012 presentada este sábado --con datos de 270 estacións situadas nas vías-- os vehículos que circularon por estas estradas percorreron máis de 6.033 millóns de quilómetros, o que representa un 5,9 por cento menos respecto aos datos de 2011 (6.414 millóns de quilómetros).
Neste sentido, Hernández explicou que a crise "implica que os cidadáns se despracen menos", aínda que sinala que o descenso é menor na rede secundaria derivada de accións viarias inevitables como movementos dende o rural para facer xestións.
Nunha rolda de prensa na que tamén estivo presente a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, Ethel Vázquez, Agustín Hernández considerou que "é evidente que, se hai menos actividade nos portos e menos actividade económica, loxicamente, hai menos mobilidade por estrada" ao que se une o prezo dos carburantes.
DENCENSO POR PROVINCIAS
Este descenso do 6,7 por cento da intensidade media diaria polas estradas da rede autonómica, supón dous puntos máis que a diminución da circulación polas vías de titularidad do Ministerio de Fomento, segundo sinalou Hernández.
Por provincias, Pontevedra lidera o descenso de vehículos que circularon de media, ao pasar dos 4.563 de 2011 aos 4.200 de 2012. O enlace de O Curro tivo 14.457 vehículos de media e a vía de alta prestación de O Morrazo case 13.000.
Na Coruña, houbo un decrecemento de case 280 vehículos ao día, pois pasou de 4.580 en 2011 a 4.302 en 2012. Na vía de alta prestación entre Brión e Noia houbo 9.882 vehículos diarios; mentres que na Terceira Rolda houbo 7.680 vehículos diarios.
En Lugo o descenso rexistrouse dos 1.575 vehículos de media en 2011 a 1.455 en 2012. Na vía de alta prestación entre Ferrol e Vilalba houbo 6.167 vehículos ao día, mentres que entre Nadela e Sarria houbo 4.667.
E, en Ourense, os 1.664 vehículos que circularon cada día en 2011 descenderon aos 1.580 en 2012. A autoestrada Santiago-Ourense tivo 8.154 vehículos de media ao día, mentres que en Rairo-Bemposta houbo 1.532 vehículos.
SACAR VEHÍCULOS DE CIDADE
Xunto a isto, Hernández subliñou que en 2012 se conseguiu sacar de vías urbanas máis de 6,2 millóns de vehículos que circulaban por travesía, debido á posta en marcha de vías de alta prestación como Sarria-Monforte ou a variante de Marín.
Neste sentido, sinalou que o primeiro ano de servizo a Terceira Rolda canalizou 7.680 vehículos ao día, mentres que o enlace de O Curro (Pontevedra) tivo unha circulación de 14.500 vehículos ao día, e pola variante de Marín pasaron uns 6.500 coches diarios.
MAIORES INCREMENTOS
Entre as vías de alta prestación o maior incremento sitúase en Brión-Noia, con case 10.000 vehículos ao día de media, e aumentou de case o 9 por cento respecto a 2011; seguida pola autovía AG-64 (Ferrol-Vilalba), cun aumento do 2,2 por cento, ao alcanzar os 6.167 vehículos diarios. Pola súa banda, os datos de maior descenso non foron achegados en rolda de prensa.
Sobre as vías de alta capacidade, a Xunta destaca que en 2012 estas infraestruturas creceron case catro puntos ao pasar de 370 quilómetros a 400 quilómetros, as cales supoñen un 7 por cento da rede autonómica e soportan case o 20 por cento do tráfico galego.
O Goberno galego indica que nos últimos cinco anos houbo un incremento do 26 por cento dos quilómetros de vías de alta prestación, ao pasar de 313 quilómetros a estes 400 quilómetros.
Así mesmo, a Xunta sitúa como prioridades de 2013 poñer en servizos outros 50 quilómetros de vías de alta prestación ao longo de 2013, entre os que se sitúan a autovía Ourense-Celanova --posta en servizo en xaneiro--, a Vía Ártabra, a variante de Ortigueira e o tramo III da VAP Tui-A Garda.
PICOS EN VERÁN
O maior pico de vehículos circulando por unha vía en 2012 produciuse na autovía que une Santiago con Brión, cun total de 33.245 vehículos rexistrados o 24 de xullo de 2012.
Esta clasificación é seguida polos 31.225 vehículos que circularon o 22 de xullo pola Autovía de O Salnés; mentres que a autovía de O Barbanza tivo o seu máximo cos 18.776 vehículos do 22 de xullo.