O V Festival das Artes Escénicas 'Abelardo Gabriel' de Riós arranca o 17 de agosto con música e cinema

Actualizado: viernes, 27 julio 2012 12:51

Tonhito de Poi, Mago Teto, Luis Tosar ou Medomedá, entre os confirmados


SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Jul. (EUROPA PRESS) -

O V Festival das Artes Escénicas 'Abelardo Gabriel' de Riós arranca o próximo 17 de agosto con música e cinema, como un "escaparate e plataforma" aos representantes da cultura galega e desenvolvido por artistas galegos de base dende o seu inicio.

O evento, que se desenvolverá ata o 18 do próximo mes, arrancará coa proxección das curtametraxes gañadoras da última edición do Festival de Cans, co que se produciu un "hermanamiento" como novidade este ano.

O cartel cinematográfico completarase o venres coa proxección de 'Vilamor', dirixida pro Ignacio Vilar, e protagonizada por Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez, que estarán presentes no evento. Tamén se celebrarán as actuacións de Tonhito de Poi ou o espectáculo de djs 'Riós Rural Dance.

Ao día seguinte celebrarase a gala do festival coa presenza de Mucha e Nucha, o Mago Teto, Luis Iglesia e Luis Tosar, entre outros, ademais dos concertos de Adriana Ramos, Medomedá, Rever, Xanonononoto e 1992.

Na rolda de prensa de presentación do evento, celebrada en Santiago e coa presenza entre outros de Ruben Riós, Tosar ou o alcalde da localidade onde se celebra, Francisco Armando Veiga, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, destacou o traballo do evento para converterse en "escaparate e plataforma" para os creadores de base galegos.

"Músicos, actores e outros artistas que, moitas veces cun enorme esforzo autodidacta, demostran que a cultura de calidade xorde de modo evidente en moitos concellos de Galicia", sinalou.

ACHEGA DE MÁIS DE 10.000 EUROS

Vázquez valorou o traballo de promoción da cultura que se desenvolve neste evento, "que naceu da ilusión dun grupo de persoas namoradas das artes escénicas e se vai materializando ano a ano nun programa con máis calidade".

Así mesmo, recordou a figura do falecido actor Abelardo Gabriel, unha persoa que fixo "tanto" pola dinamización do audiovisual galego e "o traballo da cal sempre cumpre conmemorar". "Penso que o festival de Riós é unha boa proxección da tarefa que el desenvolveu con ilusión, dende un profundo amor polas artes escénicas; dándolle continuidade ao traballo de achegar a cultura á xente, par, que a xente sexa protagonista da cultura", destacou.

A Consellería achega á celebración do evento máis de 10.600 euros a través das subvencións a festivais da Axencia Galega das Industrias Culturais.