Louzán defende as deputacións e reivindica a súa "rigorosa" política presupostaria entre acusacións de "caciquismo"

Louzán
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: martes, 17 diciembre 2013 22:02

A oposición censura a súa "repartición de cheques" mentres el asegura que "non" lle gusta entregalos e que "está a cambiar" este sistema

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Nov. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, defendeu este mércores "o papel primordial" das institucións provinciais como "peza crucial na engrenaxe da intermunicipalidade", ao tempo que reivindicou, entre acusacións de "caciquismo", que a súa "rigorosa" política presupostaria lle permitiu rebaixar a débeda en 44 millóns de euros nos últimos dous anos.

"E queremos seguir nesa liña, polo que nos presupostos de 2014 temos previsto destinar outros 14 millóns a amortizar débeda", sostivo na súa comparecencia no Parlamento para detallar as contas da Deputación de Pontevedra antes da súa aprobación.

A dotación de 146 millóns de euros para 2014, un 1,7 por cento menos que o actual exercicio, se destinará, fundamentalmente, ao "gasto social e de atención ás persoas" e aos "investimentos en infraestruturas", tal e como destacou Louzán.

En detalle, a creación de infraestruturas deportivas nos concellos consumirá 30 millóns de euros, as actuacións en política social e emprego acapararán máis de 20 millóns e a conservación de estradas suporá case este mesmo nivel de gasto. Con menos de 15 millóns de euros atenderanse servizos conxuntos como protección civil e bombeiros; mentres que no apoio á cultura e a educación se investirán 14 millóns e en promoción turística, 2,4 millóns de euros.

Todos eses gastos financiaranse sen "acudir a ningunha operación de crédito", segundo o presidente provincial de Pontevedra, quen avanzou que en 2018 a Deputación terá "débeda cero". "Somos unha administración solvente", proclamou.

REPARTICIÓN "CLIENTELAR"

As súas afirmacións e as súas apelacións a "revalorizar a política" foron rexeitadas polos voceiros da oposición, que acusaron de "clientelares" os seus mecanismos de repartición de fondos e cargaron contra a súa "capacidade para repartir cheques" entre as asociacións da provincia.

Como proba diso, o deputado do BNG Daniel Rodas sinalou que unha asociación de mulleres rurais da provincial con "cinco socias" recibiu "máis de 6.000 euros" mentres outra con "máis de 500" integrantes recibiu "300 euros". Criticou, así mesmo, o aumento de axudas "ao presebe da prensa" para que estea "ao seu servizo" no marco da súa "política presidencialista e centrada no autobombo".

Tamén Juan Fajardo, de AGE, lle reprochou que "usa o diñeiro público coma se fose do PP" e que "obriga" aos perceptores das distintas axudas a "pousar" con el en roldas de prensa, ao tempo que subliñou que as súas axudas "sempre favorecen" os concellos gobernados polo PP, do que el é presidente provincial.

Pola súa banda, o parlamentario socialista Abel Losada advertiulle de que o uso de cheques é "antigo" e "propio de repúblicas bananeras", toda vez que supón unha "humillación" para quen recibe os fondos. Xunto con iso, denunciou o "grave déficit de gobernanza" da súa institución, que "subtrae información de xeito sistemático á oposición", e o seu elevado gasto en "publicidade e propaganda" en medios de comunicación.

Estas acusacións foron negadas polo representante do PP no debate, Alejandro Gómez Alonso, quen destacou que a de Pontevedra ocupa o posto número 13 en "transparencia" entre as 45 deputacións estatais.

Pola súa banda, Louzán asegurou que utiliza criterios poboacionais e de superficie para intentar "satisfacer á inmensa maioría" de concellos e sostivo que a el "non" le "gusta" entregar cheques. Non obstante, replicou que isto o aprendeu "dun exconselleiro socialista" da época do tripartito. " Pois é un alumno avantaxado!", exclamou Losada dende o seu asento, mentres o popular aseguraba que se"está a cambiar" este sistema.

FONDOS PARA EMPREGO

Un extremo no que afondou Louzán é nas axudas para emprego dende a institución provincial, que serviron para que "4.000 pontevedreses" tivesen traballo en 2013. Especial fincapé fixo en que a Deputación "financia" que 500 novos titulados sen experiencia laboral fosen contratados en prácticas en concellos e organismos oficiais, e que outros tantos en empresas fóseno privadas.

"Aprovéitase dunha situación dramática para seguir tecendo a súa rede clientelar", resumiu Daniel Rodas, tamén exdeputado provincial en Pontevedra, antes de espetalo que "preside un cacicato".

Co seu criterio coincidiu o parlamentario de Alternativa, quen censurou que os criterios para entrar no "plan de emprego para amigos do PP" se basean na "afiliación ou a simpatía" cara a este partido dos aspirantes, toda vez que se decide baseándose nunha "entrevista persoal". "¡E para repartir miseria!", engadiu, en relación á "explotación na empresa privada por 700 euros".

REFORMA LOCAL

Outro asunto abordado polo presidente provincial é a "imprescindible" reforma local, posto que, ao seu entender, é necesario "poñer orde" nas competencias" e "racionalizar a administración" para facela "sostible".

Ante iso, o nacionalista lamentou que o Goberno non buscara "consenso" para sacala adiante, e Louzán confiou en que poida lograrse no trámite parlamentario da norma para "mellorala". Non obstante, deu por feito que os socialistas non se sumarán tras prometer "durante 20 anos" esa reforma.

En canto ás críticas ao sistema de elección indirecta dos presidentes de deputación, Louzán manifestou que a el tamén le "gustaría" ser elixido en urna en lugar de a través dos deputados provinciais.

VOLTA CICLISTA A ESPAÑA

Por outra banda, Louzán escoitou críticas á proliferación de campos de herba artificial por toda a provincia --algúns distanciados entre si "500 metros", segundo Fajardo-- e de parques infantís de caucho, todos eles "da mesma empresa", radicada en Boiro (A Coruña).

Tras defender a súa situación e esgrimir que tamén alcaldes socialistas os "piden", Losada interpretou que Louzán trata de que "o tapizado xeneral da provincia oculte, cando menos, as súas redes clientelares". Neste punto, pediu "explicacións" sobre a súa "presunta vinculación" co caso Bárcenas de "financiamento ilegal" do PP, ao que o popular pontevedrés censurou a súa "política baseada na mentira".

En canto ao custo da saída da Volta Ciclista a España dende unha batea en Vilanova de Arousa, indicou que "para a deputación foi cero" e remitiu á empresa organizadora. En calquera caso, subliñou que a permanencia deste certame durante case unha semana en Galicia foi "boa" para a hostalaría.

E, ante as insinuacións de AGE de que a competición pasara por diante da súa casa, considerou esta crítica "pobre" e, en paralelo, asegurou que non ten "necesidade diso".

Por último, as acusacións do deputado socialista sobre o aumento "nun 28,5 por cento" dos gastos de persoal da Deputación pontevedresa dende o ano 2009 foron rebatidas por Alejandro Gómez Alonso. "Os gastos de goberno de Besteiro son tantos como os de Feijóo e todos os seus conselleiros", sentenciou.