Traballadores de Alcoa concéntranse na Coruña en demanda dun contrato de enerxía

A protesta saldouse cun dirixente sindical da CIG identificado

Protesta de trabajadores de Alcoa en A Coruña
EP/REMITIDA
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 26 septiembre 2012 16:36

A Coruña, 26 Sep. (EUROPA PRESS) -

Uns 200 traballadores das fábricas de Alcoa na Coruña e San Cibrao, na Mariña luguesa, concentráronse ante a Delegación do Goberno en Galicia en demanda dun contrato de enerxía que garanta a continuidade dos centros e os postos de traballo, nunha protesta na que cortaron o tráfico durante unha hora e que se saldou cun dirixente sindical da CIG identificado.

A concentración, convocada polo comité de empresa da fábrica de Alcoa na Coruña e que contou con representantes do comité de empresa de San Cibrao, desenvolveuse con pancartas en contra "do peche do aluminio galego", do "desmantelamento industrial" e en defensa do "mantemento dos postos de traballo".

Ademais de camisetas en demanda dunha tarifa eléctrica, os participantes portaban tamén pancartas en demanda de "un contrato de enerxía xa".

CORTE DE TRAFICO E UN IDENTIFICADO

Pouco despois do inicio da mobilización, ás 12.00 horas, os participantes na protesta cortaron o tráfico á altura da Delegación do Goberno en Galicia, tanto en dirección entrada como saída da cidade, á altura da praza de Ourense, durante case unha hora o que provocou na cidade importantes retencións.

Por outra banda, o único incidente produciuse cando varios axentes arrastraron a un delegado da CIG de Alcoa para que se apartase e dar por finalizada a concentración, o que fixo que os manifestantes decidisen prolongar máis tempo o corte de tráfico.

Durante a protesta, á que asistiron edís do BNG e EU no Concello da Coruña, corearon proclamas, entre elas "contrato de enerxía, o noso pan de cada día", "traballo en Alcoa, despedimento na Moncloa" e "non ao enterro do aluminio galego". De feito, os manifestantes escenificaron o "enterro" de Alcoa cun cadaleito e cun dos participantes vestido da morte.

MÁIS MOBILIZACIÓNS

En declaracións aos xornalistas, o presidente do comité de empresa de Alcoa na Coruña, Nazario Arias, lembrou que este xoves, día 27, representantes de todas as fábricas de Alcoa en España mobilizaranse en Santiago.

As protestas continuarán o día 8 en Ferrol e o día 10 cunha manifestación na Coruña, desde a fábrica do polígono da Grela até a Delegación do Goberno.

Nazario Arias indicou tamén que a factoría coruñesa está a esperar "que a Xunta se acorde de que na Coruña hai unha fábrica".

"Ou nos están ninguneando ou non o entendo", apostilou o presidente do comité de empresa, para quen a solución para garantir o emprego nunha factoría que na Coruña dá traballo a 400 persoas pasa por unha tarifa eléctrica "competitiva", subliñou.

Artículos Relacionados

Contenido patrocinado