SANTIAGO DE COMPOSTELA 22 Ago. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Educación e Caixanova fomentarán a creación de titulacións compartidas, adaptadas ao Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES) entre universidades de Galicia e Portugal, co obxectivo de impulsar másters conxuntos, que particularmente estean orientados a I+D+i.
Nun comunicado, Caixanova informou hoxe de que o acordo de colaboración coa Administración galega, pretende impulsar "a todos os niveis contactos" para conseguir o establecemento de másters coordinados entre Galicia e Portugal que posúan un carácter profesionalizante.
Así mesmo, a entidade financeira indicou que se apoiarán "particularmente" os que estean orientados a I+D+i e que sexan susceptibles de ser referentes europeos no seu sector, tales como a nanomedicina e as tecnoloxías mariñas. Ademais, sinalou que o obxectivo é asegurar a consolidación destas titulacións por medio do apoio económico.
Neste sentido, Caixanova "comprométese" a achegar ás universidades participantes un total de 90.000 euros, como complemento das actuacións de apoio que a Xunta adopte para os másters que se constitúan con estas características. Desta cantidade especificou que 70.000 euros serán para bolsas destinadas a alumnos dos másters e 20.000 euros para sufragar os custos dos profesores invitados.