Case a metade dos fogares das cidades galegas teñen conexión a internet, máis que a media en España

Non obstante, é a segunda comunidade con menor penetración na rede, cun 30,1%

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 3 mayo 2007 13:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 May. (EUROPA PRESS) -

O 47,2% dos fogares das cidades galegas dispoñen de conexión a internet fronte ao 39,1% das vivendas das urbes do resto de España, segundo a última análise do Estudio Xeral de Medios (EGM 2006).

Así o destacou hoxe R, o operador galego de telecomunicacións, aínda que advertiu de que Galicia, como comunidade, se mantén á cola das autonomías en penetración na rede, cun 30,1%, tan só por diante de Extremadura.

R considera que este dato, unido aos anteriores, leva a poder afirmar que hai unha Galicia "de dúas velocidades", por unha parte, a urbana, onde a competencia de redes de telecomunicacións (fibra óptica de R fronte a par de cobre de Telefónica) está a potenciar o uso das novas tecnoloxías e, por outra, a rural, onde a orografía e a dispersión da poboación complica moito máis a posibilidade de despregar novas redes.

Así, o 64% dos fogares que teñen conexión a internet nas cidades galegas escolleron a fibra óptica de R para acceder á rede fronte ao 36% que optaron polo ADSL, co que se confirma que as zonas nas que concorren máis dunha tecnoloxía o seu consumo aumenta e óptase polo sistema máis avanzado.

AUMENTO DE VELOCIDADE DE R

Por outra banda, o operador galego lembrou que os clientes particulares xa dispoñen de velocidade de acceso a internet de ata 9 megas e mesmo de 10 se son empresas. Engadiu que, como noutras ocasións, esta actualización das velocidades dos produtos de acceso á rede -que comezou en xaneiro e se completou en abril- non supón ningún desembolso para os clientes.

Ademais, R subliñou que conta xa cuns 200.000 clientes, dos que preto do 70% se conectan a internet e case a metade dispón de acceso de alta velocidade.

Un recente estudio da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) sobre a calidade dos provedores de internet en España outórgalle a R a mellor cualificación por cuarto ano consecutivo. Os clientes consideran a esta sinatura como o mellor provedor de internet de alta velocidade e destacan sobre todo a calidade da conexión e o servizo de atención ao cliente.

Contenido patrocinado