Cen maiores demostrará aos 1.500 mozos de Xuventude Galicia Net que non son "analfabetos informáticos"

Empresas tecnolóxicas aproveitan o foro para "fichar" rapaces "brillantes e monstros informáticos", non conscientes do potencial

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 30 marzo 2007 12:53

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Mar. (EUROPA PRESS) -

Un centenar de persoas maiores convivirán durante case tres días cos 1.500 mozos que asisten, dende hoxe e ata o luns, no encontro 'Xuventude Galicia Net', organizado en Santiago pola Dirección Xeral de Xuventude, que apostou nesta edición por fomentar as relacións interxeracionais asignando aos participantes, de entre 16 e 30 anos, o papel de "titores" destas persoas que poderían "ser os seus avós", pero que, en todo caso, acoden á cita para demostralles que non son "analfabetos informáticos".

Esta é unha das principais novidades da VIII Edición do encontro informático Xuventude Galicia Net que destacou o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, e a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, quenes anunciaron que "marcará un antes e un despois" deste foro, que xa consideraron "referente" non só no ámbito galego senón estatal.

A secretaria xeral do Benestar xustificou esta "convivencia interxeracional", xa que lembrou que o obxectivo deste foro non radica só en facer partícipes aos máis novos dos avances tecnolóxicos e fomentar as relacións entre os interesados na informática, senón que tamén ten unha "carácter social".

Precisamente, asegurou que estes maiores acoden a este encontro "ilusionadísimos", ao tempo que apuntou que xa participaba nas ciberaulas de Vicepresidencia, xa que destacou que estas novas tecnoloxías son ferramentas "moi útiles para atrasar a situación de dependencia destas persoas".

CONTACTOS LABORAIS

Non obstante, tamén apelou o segundo factor que entra en xogo neste encontro, o seu "carácter útil". Por estes motivos, Galicia Net terá como segunda novidade con respecto a outras edicións que contará coa presenza de responsables de recursos humanos de empresas vinculadas ás novas tecnoloxías co fin de que os participantes poidan entregar os seus currículos e acceder ao mundo laboral.

Rubén Cela precisou que entre estas empresas están entidades patrocinadoras, entre as que se atopan Blu Sens ou Microsoft, as que lle recoñeceron as dificultades ás que se enfrontan para conseguir persoal especializado, que adoita crer erroneamente que non ten mercado laboral en Galicia.

Por iso, recoñeceu que estas entidades están "desexosas" de establecer estes contactos co obxecto de realizar "grandes fichaxes", xa que indicou que son conscientes de que a estes foros acoden novos que son "brillantes" e uns "monstros informáticos" e non son conscientes das súas capacidades e aptitudes.

DOUS MODOS DE PARTICIPAR

Rubén Cela lembrou que existen dúas formas de participar neste evento. Así, en Intranet só poden participar os mozos de entre 16 e 30 anos que se inscribiron a través de páxina web, "e que completaron as prazas en menos dun minuto", apuntou o director xeral de Xuventude, quen destacou que nesta edición se triplicará a velocidade de conexión e se contará con 40.000 metros de cable.

A outra forma de participar é como visitante en 'Extranet', onde os que asistan ao Pazo de Congresos de Santiago poderán participar actividades lúdicas entre as que se atopan poder xogar coa Play Station 3.

Contenido patrocinado