Deseñan pas de aeroxeneradoras máis lixeiras que aumentan o rendemento en condicións desfavorables

Actualizado: domingo, 16 septiembre 2007 14:33

Laddes Works negocia en paralelo contar con aeroxeneradores máis potentes que poderían instalar en parques eólicos singulares

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Sep. (EUROPA PRESS) -

A empresa ourensana Laddes Works está a traballar no deseño dun novo modelo de pas de aeroxeneradoras que, ao ser máis lixeiras, permitirán aumentar o rendemento das instalacións eólicas mesmo cando as condicións non sexan óptimas e se produza menos intensidade de vento. Nunha peza para un aeroxenerador de 1,5 megavatios reduce o seu peso de 7.500 a 5.500 quilos.

Así o explicou a Europa Press o xerente desta firma especializada na fabricación de pezas para o sector aeronáutico, José Ramón Deas, quen apuntou que "neste momento se atopan na fase de ensaios estáticos de prototipo" e que estará en disposición de "realizar verificacións de campo" no mes de maio de 2008.

O responsable de Laddes Works considera que en 2009 se podería estar en condicións de lanzar un plan industrial deste novo sistema de pas e engadiu que, "en paralelo", a empresa "negocia" con "dúas empresas punteiras" a compra de motores para o aeroxenerador eólico, "con tecnoloxía multipolar", que permitirá lograr "unha enerxía moi limpa, sen picos, que non require case traballo para inxectala á rede".

José Ramón Deas admitiu que evidentemente o seu custo será maior, pero poderá ser amortizado polas mellores prestacións destas instalacións, que cree que se poderían situar nos denominados "parques singulares", para abastecer unha empresa con moita demanda de enerxía. Na súa opinión, "a enerxía hai que producila onde se consume, porque custa transportala e se producen perdas".

DIVERSIFICACION DO NEGOCIO.

O xerente da firma subliñou que estes proxectos se enmarcan nunha estratexia de Laddes Works de diversificar as súas liñas de negocio e de potenciar a faceta industrial da empresa. Con esta iniciativa buscan contar con elemento diferenciador, tanto en deseño coma en proceso de fabricación.

Laddes Works prevé que teña que investir preto de dous millóns de euros, excluíndo o plan industrial, que requirirá recursos a maiores, a este proxecto, que conta co apoio económico da Consellería de Innovación, a través da Dirección Xeral de I+D+i.

A empresa especializada en pezas de aeronáutica creouse en 1999 e a súa sede atopa no Parque Tecnolóxico de Galicia (PTG), no concello ourensano de San Cibrao das Viñas. A súa facturación anual rolda o millón de euros.