Entidades galegas apoian unha nova canle de TV por internet sobre Animación 3D e Efectos Especiais Dixitais

Actualizado: martes, 27 marzo 2007 17:22

MADRID/SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Mar. (EUROPA PRESS) -

Entidades galegas, como a Fundación Caixa Galicia, a Universidade da Coruña e a Xunta, apoian unha nova canle televisiva por internet sobre Animación 3D e Efectos Especiais Dixitais.

A compañía Ilux Visual Technologies anunciou hoxe o lanzamento de Mundos Dixitais TV, unha nova televisión por Internet co obxectivo de promover a Animación 3D, os Efectos Especiais Dixitais e os Videoxogos. O seu posta en marcha enmárcase dentro das actividades do Festival Internacional de Animación 'Mundos Dixitais', que terá lugar na Coruña entre o 3 e o 7 de xullo

A iniciativa conta co apoio de Fundación Caixa Galicia, a Universidade da Coruña e a Xunta de Galicia, para que na nova canle "teña cabida todo o cinema de animación e de efectos especiais visuais". A canle estará adicada a mostrar contidos audiovisuais xerados dende o propio festival, así como algúns dos mellores e xa clásicos curtos de animación de estudios e artistas independentes.

Do Festival internacional Mundos Dixitais nutrirase en boa medida posto que conterá resumos do evento, entrevistas aos conferenciantes, curtametraxes destacadas e material presentado ao Festival de Competición. Así mesmo, contará con algúns dos clips do campo da animación e os efectos especiais máis destacados a nivel internacional, converténdoo así nun referente como canle de difusión de produtos audiovisuais independentes.

Mundos Dixitais TV, utiliza a plataforma inVoDKA.tv, desenvolvida por LambdaStream, que permite a operadores e a programadores distribuír todo tipo de canles de TV por internet, tanto con contidos en aberto coma de pagamento.