SANTIAGO DE COMPOSTELA 9 Abr. (EUROPA PRESS) -
A empresa galega de tecnoloxía LambdaStream, apoiada pola Universidade da Coruña e a Xunta, está a negociar con investidores privados e fondos de capital risco para reforzar o seu conxunto de accionistas e inxectar máis capital ao seu plan de expansión internacional.
Segundo informou hoxe a compañía, a súa intención é dar entrada a un ou varios fondos de capital risco cunha participación conxunta de entre o 20 e o 25% e pechar estas operacións antes de verán.
LambdaStream, especializada en tecnoloxía para TV por internet, TV sobre IP, cable e TV móbil, facturou 750.000 euros o ano pasado. Dentro dos seus plans de expansión prevé abrir oficinas en Madrid, Rusia, Singapura e Oriente Próximo, para converterse nun dos provedores líderes dos portais de televisión pola rede.
Esta firma xa lanzou tres canles: www.mundosdigitales.tv; www.canaldeportivo.tv e www.coruna.tv, e ten plans para lanzar máis servizos deste tipo ao longo deste exercicio. LambdaStream, con sede na Coruña e oficina comercial en Madrid, a compañía empezou a operar en 2003 como spin-off do grupo MADS da Universidade da Coruña.