Povisa promove unha informatización integral da xestión de enfermaría para mellorar a súa calidade hospitalaria

O obxectivo é deseñar unha ferramenta que substitúa aos rexistros escritos que habitualmente utiliza por outro informático e único

Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 1 julio 2007 14:37

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Jul. (EUROPA PRESS) -

Povisa está a desenvolver un novo sistema informático de xestión da enfermaría hospitalaria de forma integral, cuxa novidade radica en que vai dende o establecemento dos coidados a partir dos diagnósticos de enfermaría, ata o apoio á administración deses coidados, validando a súa eficacia a través do contraste do resultado real fronte aos obxectivos marcados inicialmente.

O hospital vigués considera "estratéxica" a renovación do sistema, para o que conta coa axuda económica da Consellería de Innovación a través da Dirección Xeral de I+D+i, e dispón dun grupo multidisciplinar liderado por enfermaría e en colaboración con informáticos, médicos e a Unidade de Calidade.

Segundo explicaron a Europa Press fontes do centro hospitalario, dous dos obxectivos desta iniciativa son "integrar" no proceso clínico os plans de coidados a través de vías clínicas estandarizadas e "valorar as necesidades reais ou potenciais do paciente".

O sistema de traballo que se pretende é o de planificar o proceso de coidado enfermeiro do paciente, vinculado ao diagnóstico médico, "que será que condicione a estanza do paciente no centro".

Nunha primeira fase Povisa creou a Comisión de Coidados, na que teñen representación os profesionais do equipo de coidados -enfermeiras, auxiliares de clínica e celadores-, que ten a función de establecer o que serán os criterios de calidade dos coidados de enfermaría.

INDICADORES E EVOLUCION

Para objetivar estes resultados desenvolveuse un Cadro de Mandos de Calidade "no que se plasman os indicadores e a súa evolución fronte aos fins". Povisa precisou que se trata de contar cunha ferramenta "que substitúa os rexistros escritos que habitualmente utiliza enfermaría por outro informático e único".

Segundo o hospital vigués, as vantaxes deste modelo non serán só as de achegar "versatilidade, portabilidade ou ubicuidade", senón que a ferramenta deseñada "debe ser capaz de planificar coidados estandarizados aos pacientes a partir dunha avaliación por parte da enfermeira".

Estes coidados tamén se vinculan ás 'Vías clínicas' e prescricións médicas e, sobre todo, ao Plan de Calidade do centro, prestando especial atención á seguridade do paciente. Por outro lado, terá un compoñente de apoio formativo multimedia ao profesional de enfermaría e porá ao alcance dun click a normativa hospitalaria, e os protocolos, o que permitirá coñecer o grao de penetración destas normas entre o persoal.

A Comisión de Coidados do Hospital Povisa considera que no contexto da Sociedade da Información o centro non pode permitirse ter Enfermaría no que denominan o "lado escuro", na invisibilidade do que achega ao paciente.

Contenido patrocinado