SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Feb. (EUROPA PRESS) -
Un sistema informático que desenvolve un grupo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) simulará as diferentes opcións de explotación de montes mancomunados e calculará os "beneficios, as consecuencias e os riscos" de cada modelo, de modo que a comunidade poida elixir o máis axeitado para os seus intereses.
Esta ferramenta, que elabora un grupo da Escola Politécnica Superior de Lugo, permitirá avaliar diferentes opcións para o chan, como a explotación forestal ou enerxética, a gandaría, a silvicultura ou outras alternativas e, ademais, de calcular os resultados económicos, terá en conta o impacto paisaxístico, as consecuencias ambientais e mesmo os límites establecidos na lexislación.
O usuario deberá escoller a zona de Galicia na que se atopa o monte e o sistema facilitará unha previsión dos beneficios económicos en función dos metros cúbicos de madeira tendo en conta o ritmo de crecemento, a especie de árbore e outras características. A resposta incluirá unha relación completa dos datos sobre tarefas, prezos, custos, materiais, beneficios, etc.
Os modelos posibles proceden da codificación de bases de datos relacionais e da conversión en algoritmos computacionais os estudios científicos e técnicos sobre a materia. Así, a partir dunha serie de variables mostra os resultados dos modelos para que os xestores do monte escollan o modelo segundo os intereses e peculiaridades de cada terreo.
Esta ferramenta de apoio á decisión, á que a Consellería de Innovación e Industria dedicou 90.459 euros, será de utilidade, segundo os investigadores que traballan nela, para os propietarios e para a Administración pública, xa que facilita a planificación.
MONTES INFRAUTILIZADOS
O investigador principal do proxecto, Manuel Marey, explicou que a pesar do peso específico dos montes en Galicia --existen 2.880 montes veciñais cunha superficie de 670.000 hectáreas, o 22,5 por cento da superficie galega-- están "infrautilizados".
Así mesmo, considerou que outros sistemas existentes de xestión forestal "priman a compoñente económica", mentres que a nova ferramenta inclúe tamén aspectos sociais e ambientais e factores como o da participación cidadá.
Marey explicou que os montes veciñais non poden dividirse e se manteñen como grandes extensións, o cal fai que sexan "rendibles" porque se trata de superficies amplas que en Galicia "apenas existen en mans particulares". Esta mesma natureza, non obstante, dificulta a xestión e provoca "conflitividade" entre os comuneiros, ou ben coas empresas da zona, a administración ou o marco legal.
A despoboación tamén "resta capacidade de xestión dos montes", agregou o investigador e argumentou que os veciños non apostan polas propiedades mancomunadas porque "non hai sucesión". "Os seus fillos marcharán da parroquia e os esforzos que se realicen non serán aproveitados", concluíu.