Unha trintena de granxas do rural difundirán os próximos tres anos información dos seus produtos na web

A USC porá en marcha a final de ano un portal dixital para revalorizar a cultura rural a partir das novas tecnoloxías

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 31 julio 2007 18:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Jul. (EUROPA PRESS) -

Unha trintena de granxas do rural galego participarán nos próximos tres anos nunha iniciativa desenvolvida pola Universidade de Santiago (USC) centrada na elaboración dun sistema de xestión de información para a comercialización de produtos agrarios de orixe familiar a través do portal dixital www.granxafamiliar.com.

Trátase dun proxecto que conta co financiamento dos concellos de Brión e Antas de Ulla --achegan 18.000 euros cada un--, que participan de xeito piloto na iniciativa aínda que posteriormente se pretende estender máis municipios; da Fundación Feiraco --que inverte 27.000 euros--; Caixa Galicia --con 12.000 euros de inversión--; e Cáritas de Santiago --que destina 6.000 euros e pon a disposición do proxecto un técnico animador no territorio para apoiar iniciativas concretas--.

Tras subscribir o convenio de colaboración coas entidades e institucións participantes, o reitor da USC, Senén Barro, explicou en rolda de prensa que se establecerá un marco de actuación que sirva como basee para impulsar o desenvolvemento socio-económico e difundir a utilización das novas tecnoloxías da información e das comunicacións nos municipios rurais piloto de Brión e Antas de Ulla.

Así, ademais de enfrontarse ao fenómeno de exclusión socio-territorial coñecido como "fenda dixital", tamén se insire no mercado a produción tradicional de autoconsumo das explotacións familiares galegas.

Barro comentou que se trata dun proxecto con tres anos de duración e que se centrará en fins como incrementar as rendas familiares no medio rural galego, impulsar a recuperación da memoria histórica no medio rural e difundila no ámbito urbano, ademais de motivar aos mozos a desenvolver actividades agrarias e rurais, estimulando o repoboación en certos lugares.

O reitor da Universidade de Santiago incidiu, así mesmo, na súa intervención en que o proxecto fomentará tamén a innovación e o emprendimiento nas zonas rurais e a revalorización da cultura rural a partir do uso das novas tecnoloxías.

FUNCIONAMENTO

O profesor Carlos Ferrás, responsable do proxecto, comentou que a USC xestionará a información entre os vendedores da granxa e os posibles compradores. O contacto farase a través da citada páxina web e, ademais, haberá oficinas instaladas na zona para unha atención directa e liñas telefónicas abertas ao público.

No portal web cada granxa disporá do seu espazo no que dará a coñecer a súa identidade, a súa produción e outros aspectos. Ao respecto, Ferrás destacou que tamén se facilitarán visitas ás granxas para coñecer a fondo todo o proceso produtivo. O proxecto abrirase a todas as familias interesadas a partir do segundo ano.

O reitor da USC comentou que os antecedentes máis próximos a este proxecto están na granjafamiliar.com, unha iniciativa individual no municipio de Elorrio e Vizcaya, no País Vasco, que comercializa a través de internet a produción familiar de carne de porco e tenreiros, entre outros produtos.

No marco deste convenio, a USC apoiará a realización de tese de doutorado, traballos de investigación e a publicación de artigos e obras sobre o desenvolvemento da iniciativa e acerca dos impactos sociais e territoriais da Sociedade da Información en España e en Galicia.

Contenido patrocinado