A Xunta achega máis de 103.000 euros á segunda fase dun estudio sobre a presenza de vieiras na costa

Actualizado: sábado, 30 junio 2007 16:29

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación achegará un total de 103.920 euros á elaboración da segunda fase dun estudio que analiza a presenza de bancos de vieiras nas costas galegas que a empresa Pereira, produtos do Mar iniciou hai tres anos co fin de coñecer a situación das poboacións deste molusco en augas galegas.

Segundo informou hoxe o departamento autonómico nun comunicado de prensa, a primeira etapa desta investigación serviu para analizar as poboacións de vieira en cada unha das rías galegas e para comprobar se existen factores externos, como a captura ou a contaminación, que alteran a cría e o crecemento do molusco.

Segundo explicou o xerente de Pereira, Luis Boado, nesta segunda fase estudaranse os niveis de crecemento e de reprodución en bancos controlados no que se coñecen todas as circunstancia: condicións ambientais, episodios tóxicos, enfermidades ou a existencia de depredadores.

Unha ves delimitados os bancos naturais de vieira nas rías, realizarase un seguimento estacional da dinámica das poboacións tanto en banco natural coma en batea co obxectivo final de "coñecer en profundidade" o recurso para a explotación de vieira por parte das pequenas comunidades pesqueiras.