Actualizado 27/06/2007 21:33 CET

A Xunta destina este ano 900.000 euros a fomentar a solicitude de patentes, un 50% máis que en 2006

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación destinará este ano 900.000 euros para atender os gastos derivados da tramitación de solicitudes de títulos de propiedade industrial e da súa renovación ante as oficinas autonómicas, estatais ou internacionais, un 50% máis que en 2006.

Segundo explicou o departamento que dirixe Fernando Blanco, o obxectivo é garantir a plena explotación dos resultados das invencións desenvolvidas na Comunidade galega por empresas, institucións sen fin de lucro e persoas físicas.

O sistema de axudas para o fomento da propiedade industrial foi recoñecido recentemente pola Comisión Europea como a mellor práctica no ámbito de España e unha das mellores 15 comunitarias en materia de patentes, de propiedade industrial e intelectual.

Por outra banda, este departamento autonómico asinará un convenio coas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña para poñer en marcha unha nova edición do programa Uniporta, que axuda aos estudantes universitarios a comprar ordenadores portátiles. A subvención será de 200 euros e universal.

Finalmente, a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Xunta, Helena Veiguela, asistirá mañá en Oviedo á reunión de avaliación e seguimento Programa de Extensión de Banda Ancha ao rural (Plan PEBA).