O arcebispo lembra aos mortos no mar e clama contra os incendios: "que o único fume sexa o do Botafumeiro"

Expresou a súa solidariedade coas vítimas da Guerra e o seu apoio á persona "desde a súa concepción até a morte natural"

Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 25 julio 2022 14:10

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Jul. (EUROPA PRESS) -

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, pediu este luns, 25 de xullo, a intercesión do Apóstolo Santiago para todas as vítimas de violencia, así como para as familias dos falecidos no mar e os afectados polos incendios forestais, unha lacra ante a que clamou pedindo que "o único fume que voe nas alturas sexa o do Botafumeiro".

Así respondeu á Ofrenda que realizou na festividade do Apóstolo o rei Felipe VI, que acudiu a Santiago a cumprir esta tradición acompañado da Raíña Dona Letizia, da Princesa de Asturias e da infanta Sofía.

Monseñor Barrio pediu a intercesión do Apóstolo "para todos os pobos de España, en especial para o pobo galego" e para "as persoas vítimas da violencia e das guerras en Ucraína e outros países". "Que o desexo de paz en todos os países do mundo se faga realidade", dixo.

Así mesmo, pediu polos falecidos nos incendios forestais e polas persoas que perderon os seus bens por esta causa, confiando en que "o único fume que voe as alturas sexa o do Botafumeiro".

Tamén orou ante o Apóstolo polos falecidos no mar e polas súas familias, como as das 21 vítimas mortais de afundimento do Villa de Pintanxo, e polos gobernantes, para que "o Señor lles conceda fortaleza, xenerosidade e constancia na procura do ben común e da renovación ética e moral da nosa sociedade".

RAÍCES CRISTIÁS

Tras agradecer a presenza da Familia Real, o arcebispo animou a buscar o sentido da vida profundando nas raíces cristiás. "É necesaria a reflexión que procede dun transfondo relixioso e que recolle séculos de experiencia e de sabedoría. Encher o noso baleiro co inútil, arrincando as raíces da nosa orixe, é unha pretensión va que dificulta construír a cidade de Deus sen anestesiar os feitos que molestan e borralos da nosa mente", dixo.

Nesta liña, monseñor Barrio pediu que, "polas gretas da condición humana" entre "a luz que vén do alto". "Volver a Deus descobre que a verdade nos fai libres", dixo o arcebispo, para quen "esquecer a dimensión transcendente dificulta saír das indefinicións".

Do mesmo xeito, reclamou "o respecto pola dignidade da persona desde a súa concepción até a morte natural", algo que ha de ser "a norma inspiradora do auténtico progreso social, económico, cultural e científico".

Para concluír, Julián Barrio instou a "colaborar" para "humanizar a convivencia" cos "valores esenciais da austeridade, o esforzo, a solidariedade e a caridade", lembrando que "a cultura cristiá é unha contracultura nesta sociedade complexa, mareante e contraditoria". "É necesario crear puntos luminosos de humanidade nova con aquela forma orixinaria de vida que Xesús nos trouxo", apostilou.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado