SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou a sentenza do Tribunal Supremo (TS) que condena á familia do ditador Francisco Franco a restituír ao Concello de Santiago as esculturas de Abraham e Isaac atribuídas ao Mestre Mateo que formaban parte do Pórtico da Gloria da Catedral.
"Alegrámonos moito pola sentenza e que as estatuas volvan ao sitio do que nunca deberon saír", trasladou en declaracións a Europa Press.
O dirixente socialista puxo en valor este fallo e outros casos como o do Pazo de Meirás cos que "se está restituíndo ao patrimonio público bens que foron directamente expoliados" polo franquismo.
En concreto, a Sala do Civil do Tribunal Supremo condenou á familia do ditador Francisco Franco a restituír estes bens. A demanda que no seu día interpuxo o Concello de Santiago contra os netos de Franco polas estatuas de Abraham e Isaac, puña o foco en que foron adquiridas polo Consistorio ao conde de Ximonde o 4 de xuño de 1948 por 60.000 pesetas. En fronte, o Franco sostiñan que, por "tradición oral" da familia eran coñecedores de que Franco comprara as pezas a un particular.