O BNG cuestiona a viaxe de "papatoria e orquestras" de Rueda a Suíza e a Xunta replica: "Reforza o vínculo con Galicia"

Archivo - Arquivo - O deputado do BNG no Parlamento de Galicia Daniel Castro
BNG - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: miércoles, 10 junio 2026 18:16

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Jun. (EUROPA PRESS) -

   O deputado do BNG Daniel Castro preguntou á Xunta pola viaxe do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, o pasado mes de marzo a Suíza e cuestionou se "era necesario" gastar "120.000 euros en papatoria e orquestras", algo que a Xunta desmentiu e defendeu que ese tipo de accións "permiten reforzar a identidade cultural, o vínculo con Galicia e a cohesión da colectividade galega".

   Na Comisión 1ª do Parlamento, o deputado do Bloque criticou que outras asociacións galegas no exterior "non reciban o mesmo trato", polo que preguntou á directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, "cal foi o interese público que xustificou ese gasto".

   Así, a responsable autonómica afirmou que as viaxes institucionais do presidente da Xunta non tratan "simplemente de visitar á comunidade no exterior", senón tamén de "fortalecer os vínculos para que máis galegos regresen, máis talentos se incorporen ao mercado laboral galego e que máis familias decidan establecerse en Galicia".

   "Cando falamos da relación da Xunta coa colectividade galega non falamos só de actos institucionais ou sociais, é unha política de país", remarcou Vázquez, asegurando que o acto no que participou Alfonso Rueda e no que colaborou a Administración autonómica "encaixa plenamente nas competencias que a Xunta ten atribuídas en materia de migración".

   A continuación, Daniel Castro dixo coincidir coa política do plan Retorna da Xunta, así como con que membros do Goberno visiten á colectividade galega no exterior, pero insistiu en reclamar explicacións sobre o gasto do evento e sobre "por que outras asociacións no exterior non reciben nada", facendo referencia a que a entidade suíza á que acudiu Rueda está presidida por un "coñecido responsable" do Partido Popular.

"É UNHA RESPONSABILIDADE INSTITUCIONAL"

   "Non é un gasto, é unha responsabilidade institucional", insistiu a directora xeral, que reiterou que a viaxe "non responde a unha iniciativa discrecional", senón que é "un mandato legal" velar polos dereitos dos galegos na diáspora.

   Ademais, desmentiu que a Xunta gastase 120.000 euros "nesa suposta gran comida", xa que, segundo asegurou, o menú do evento foi pagado por cada un dos comensais, mentres que a Administración autonómica pagou a contratación de dúas formacións musicais galegas, unha agrupación tradicional e unha orquestra que, destacou, "actuaron ante máis de 1.000 galegos".

   "Non merecen os galegos de Suíza gozar dunha celebración da nosa cultura? Queren vostedes furtarlle ese dereito?", reflexionou antes de mencionar os diferentes encontros que mantivo Alfonso Rueda durante esa viaxe ao país helvético.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado