SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Jun. (EUROPA PRESS) -
A viceportavoz do BNG no Parlamento Olalla Rodil avanzou este luns que solicitaron á Mesa do Parlamento que reinicie o proceso para designar á persona adxunta á valedora do pobo, despois de que o PPdeG rexeitase a proposta do Bloque --o profesor de Dereito Administrativo Fernando de Abel Vilela--, mentres que os populares ven nesta petición "falta de intelixencia política" e auguraron: "Se se repite proposta e procedementos, o normal é que, por coherencia, obteña o mesmo resultado".
En rolda de prensa tras a xunta de portavoces, a deputada lucense volveu a denunciar que o PP "leva bloqueando tres meses" a designación, na súa opinión, "por puro sectarismo", acusando aos populares de "non respectar nin o pluralismo nin os acordos políticos que sempre rexeron neste país".
Por iso, esixiu reiniciar o proceso e "recuperar a normalidade institucional. De non levantarse "o veto", Rodil xa avanzou que o BNG retirará o seu apoio á valedora, Dolores Fernández Galiño.
"Hai que cumprir coa palabra dada. O BNG cumpriu apoiando a Fernández Galiño e despois o PP rompeu todos os acordos e vetou a unha persona dun currículo profesional e académico intachable", insistiu a viceportavoz do Bloque, que remarcou que manterán á mesma persona candidata.
Cuestionada sobre que ocorrería se o BNG retira o seu apoio á valedora, Rodil explicou que se impulsaría unha proposta de resolución "para evidenciar esa perda de apoio", pero desexou "non ter que chegar a iso".
"SERIEDADE E RESPECTO"
Por iso, fixo un chamamento á "seriedade" e ao "respecto democrático", demandando ao Grupo Popular que cumpra "a súa propia palabra e permita o equilibrio de forzas" para a renovación do adxunto á valedora.
Nesta liña, lamentou que tamén continúe "o bloqueo" no consello de administración da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), sobre o que lembrou que a lei daba un prazo "de tres meses" desde a aprobación da nova lei en marzo de 2025 e "aínda non se iniciou o procedemento de reforma dese órgano".
"O PP bloquea todo aquilo que non pode controlar e, como necesita máis votos que os seus para renovar, quere impor até o que lle corresponde a outro grupo político e non permite que se renoven institucións tan importantes para o funcionamento democrático", aseverou.
O PPDEG ADVIRTE: "ESTÁ CONDENADA AO FRACASO"
Pola súa banda, o portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos Couñago augurou que a proposta do BNG "está condenada ao fracaso" e manifestou que mostra "falta de intelixencia política".
Para o parlamentario popular, cando se repiten "proposta e procedementos, o normal é que, por coherencia, obteña o mesmo resultado a esa proposta e eses procedementos".
"Máis triste paréceme que se ameace con retirar o apoio a unha valedora", engadiu Pazos Couñago, que ve "unha diferenza substancial" entre a elección da valedora e a proposta do adxunto.
A este respecto, sinalou que o BNG "coñecía perfectamente a proposta e o nome" da persoa que ocuparía esa responsabilidade, mentres que os nacionalistas "ocultaron" a proposta do adxunto e "aproveitáronse da boa fe" dos que, asegurou, pedían "perfís institucionais e afastados da polémica partidista".
"Eles saberán o que queren facer. Actuaremos coherentemente coa postura que levamos mantendo ao longo destes meses, que permitiu renovar a Valedoría e que non vai máis aló pola teimosía do BNG, que considera que non hai máis que unha persoa en toda Galicia capaz de alcanzar esa responsabilidade, a pesar de que esa persoa non conta co respaldo desta Cámara", remarcou.