SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 May. (EUROPA PRESS) -
A voceiro parlamentaria do BNG, Ana Pontón, urxiu este luns a iniciar o diálogo político para materializar o relevo á fronte do Valedor do Pobo tras a recente dimisión de Benigno López e manifestou o desexo da súa formación de que o "cambio" na institución frutifique antes de que remate este período de sesións, que se pecha no próximo mes de xuño.
"O relevo debe facerse canto antes", demandou Pontón nunha rolda de prensa celebrada na Cámara, onde esixiu que as conversacións para a substitución de López "se fagan con luz e taquígrafos". Igualmente, asegurou ter "a impresión" de que o PPdeG usa "o intento de modificar" a lei que regula o Valedor do Pobo como "escusa" para atrasar o cambio e advertiu de que "non valen as escusas".
Tras a vontade manifestada polo PPdeG e o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, de modificar a institución e reducir o seu custo, a dirixente nacionalista replicou que calquera medida de "mellora" para o funcionamento da institución é "estudiable" e admitiu que hai "moitas vías" para axustar os seus gastos. Iso si, manifestou que, en ningún caso, o Bloque será "cómplice do seu desmantelamento".
Non en van, defendeu que o Valedor cumpre "unha importante función de tutela" sobre os dereitos dos cidadáns e a súa defensa "ante os incumprimentos" por parte das administracións, ao tempo que alertou de que "a estratexia" dos populares pasa por "ir minguando" a súa capacidade de actuación "para despois xustificar a súa desaparición".
PALABRAS "DESAFORTUNADAS"
Por outra banda, considerou "desafortunadas" as palabras de Feijóo que, na súa intervención nos Almorzos Informativos de Europa Press, apuntou que el, como presidente, estaría "máis cómodo" sen Valedor, aínda que o xefe do Executivo galego matizou que "sería un exercicio de certo cinismo aproveitar a crise para intentar que a institución non teña ningunha posibilidade de analizar a xestión dos servizos públicos e as queixas dos cidadáns".
Ao respecto, Ana Pontón insistiu en que a "principal preocupación" que debe ter o presidente é que os galegos teñan "garantidos" os seus dereitos. "O que lle debería dar tranquilidade é que tivese poucos motivos para actuar", esgrimiu, antes de insistir en que parece que "a cantilena" do PP sobre a "necesidade" de axustar o gasto do Valedor pode ser "un primeiro paso para desmantelalo".
Dito isto, defendeu que, se a Feijóo lle preocupase "de verdade" rebaixar o gasto non produtivo, xa acometería "unha reforma de verdade" en materia de propaganda e publicidade, o custo anual da cal é "maior" que os "ao redor de dous millóns de euros" que supón o Valedor para as arcas públicas.
"É evidente que a crise se usa de forma espuria para recortar non só os dereitos dos cidadáns, senón tamén as súas institucións de defensa, denunciou a voceiro nacionalista.