O brote de COVID relacionado co ximnasio de Arteixo (A Coruña) "parece que se estabiliza", segundo o Sergas

Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 6 agosto 2020 14:58

    A CORUÑA, 6 Ago. (EUROPA PRESS) -

   O brote de COVID-19 relacionado cun ximnasio situado na poboación de Meicende, no termo municipal coruñés de Arteixo, suma só un caso novo nas últimas horas e o total elévase a 56 contaxiados, co que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) estima que "parece que se estabiliza".

   Segundo informou este xoves a área sanitaria da Coruña e Cee, o seguimento dos contactos relacionados con este brote e as súas ramificacións por distintas zonas da área sanitaria levou a realizar só o pasado mércores 466 PCR.

   O Sergas sinala que "se segue detectando algún caso relacionado coa contorna familiar de positivos detectados con anterioridade, así como algún caso illado".

   Por iso, ante a posibilidade de novos contaxios, a Consellería de Sanidade subliña que "segue traballando co obxectivo de limitar o risco de novas infeccións, tomando as medidas preventivas indicadas nos protocolos aplicables a esta situación".

ORIXE DO BROTE

   A orixe do brote sitúase nun usuario dese ximnasio que tamén traballa como porteiro dun pub de Santa Cruz, no municipio de Oleiros (A Coruña).

   Precisamente, en relación a este home, este xoves coñeceuse que o Xulgado de Instrución Número 8 da Coruña ratificou o seu "illamento obrigatorio no seu domicilio".

   Segundo o auto xudicial con data 1 de agosto, recollido por Europa Press, a xuíza ratifica para esta persona "o illamento obrigatorio no seu domicilio coa finalidade de que se lle aplique a medida sanitaria correspondente e ata que deixe de representar un risco para a saúde pública".

   No centro de adestramento situado en Meicende suspendéronse as clases, pero o rastrexo dos contactos realizado pola área Sanitaria da Coruña e Cee orixinou a detección destes novos casos, que xa están illados e en seguimento domiciliario.

   Un dos positivos é o dun vixiante do centro cívico de Monte Alto, usuario tamén do ximnasio, así como traballador do matadoiro municipal da Coruña. Por mor dos casos detectados vinculados con este brote pecharon como medida preventiva dous bares da localidade coruñesa da Laracha.

   Este brote supón o segundo con máis casos dos detectados en Galicia, só superado polo que obrigou a pechar a comarca da Mariña lucense, con máis dun centenar de infectados por COVID-19.

Artículos Relacionados

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado