A comisaría provisional da Policía Nacional de Santiago terá oficina de DNI, denuncias e unidades de investigación

Situarase na zona de Santa Marta nun baixo de aproximadamente 360 metros cadrados

Archivo - Arquivo - Fume sae da Comisaría de Santiago
EUROPA PRESS - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 30 abril 2026 17:01

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Abr. (EUROPA PRESS) -

   O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, avanzou que a comisaría provisional da Policía Nacional de Santiago, que se situará na zona de Santa Marta, acollerá parte das unidades de investigación e os servizos de atención á cidadanía, como oficinas de DNI e denuncias.

    Así o detallou este xoves en declaracións aos medios xunto á comisaría xefa da Comisaría da Policía Nacional de Santiago, Nuria Palacios.

    "Estamos ao final deste longo camiño. Por tanto, en breve, finalizaranse todos os trámites administrativos para que ese espazo poida ser utilizado e trasladar alí parte dos servizos", remarcou Julio Abalde.

    O baixo de Santa Marta, que será de aluguer e terá unha superficie de aproximadamente 360 metros cadrados, non está habilitado para acoller os calabozos, polo que se manterá o sistema de "colaboración con outras administracións".

    Isto mesmo sucede coa galería de tiro e os axentes terán que usar "durante un tempo" as infraestruturas doutras instalacións.

CONTRATO POLO PROCEDEMENTO DE URXENCIA

   En canto ao edificio da comisaría, que sufriu un incendio hai uns meses, seguirá baleiro co obxectivo de que "todo o espazo estea dispoñible" para as obras que son necesarias de realizar.

    Actualmente, xa fixeron unha avaliación dos danos causados, fíxose un estudo da estrutura, outro da calidade do aire, así como un proxecto e programas para a súa recuperación. Os contratos para rehabilitar a comisaría irán "polo procedemento de urxencia".

    En canto aos prazos de finalización de obra, Julio Abalde indicou que "se se é optimista, polo menos para o principio do Ano Santo estaría en funcionamento".

    A continuación, enxalzou o traballo desenvolvido pola Policía Nacional desde o primeiro momento, xa que a seguridade da cidadanía estivo "plenamente garantida en todo momento".

    "Os datos e indicadores que manexamos indican que non se ve resentido ningún dos servizos e das funcións que desenvolve a Policía Nacional en Santiago", remarcou Abalde.

    Tamén incidiu en que foron habilitadas dependencias temporais na mesma rúa da comisaría e dous Vehículos Integrais de Documentación (VIDOC) na praza do Obradoiro para a expedición de DNI e pasaportes.

    Estes vehículos seguen prestando servizo tamén a numerosos concellos do entrono en horario de tarde como en Padrón, Arzúa, Noia, Ames, Fisterra, Outes, Rianxo, Muros, Carnota, Melide e Cee.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado