SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Abr. (EUROPA PRESS) -
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, pediu diálogo con 'bateeiros' e 'percebeiros' para "buscar unha solución que convenza aos dous sectores" e tratar de chegar a "puntos de encontro".
"Creo que as posturas enfrontadas non resolven nada, todo o contrario. Temos que pensar entre todos, non só polo presente, senón polo seu futuro. Por tanto, animo ás dúas partes, aos representantes dos 'bateeiros' e dos 'percebeiros', a que veñan á Xunta, que nos sentemos, que dialoguemos e que busquemos ese punto de encontro", sinalou en declaracións aos medios en Vilamartín de Valdeorras no acto de nomeamento do doutor Rafael López López como fillo predilecto da localidade.
Quintana recoñeceu que a situación debido ao conflito da mexilla "non está calmada" e asegurou que está "tremendamente triste" e "preocupada" "polas imaxes que se puideron ver o xoves", cando se produciu unha carga policial na protesta de 'bateeiros' fronte ao edificio da Xunta en San Caetano e que se saldou con varios feridos e dous detidos.
A titular de Mar cre que esa "non é a fórmula" para resolver os problemas. "Levo 35 anos na Consellería, téñolle moitísimo agarimo a este sector e todos saben que o despacho e a miña mesa están abertos para sentar as horas que fagan falta, para dentro do consenso e o diálogo buscar unha solución que convenza aos dous sectores", insistiu.
Así mesmo, recoñeceu que os cambios lexislativos "son difíciles de entender", pero reiterou que está "disposta" a buscar "puntos de encontro" e "posibles solucións".
Neste sentido, lembrou que este ano "non hai suficiente abundancia do recurso" (mexilla) e o sector 'bateeiro' ten "dificultades". Por iso, defendeu buscar alternativas "á única produción natural da mexilla", pero, ademais, indicou que "tamén hai que falar coas confrarías para que entendan a necesidade que teñen, mentres non busquemos outra solución de acceder ás pedras para atopar ese recurso para desenvolver o seu cultivo".