Consello.- Economía activará o fondo tecnolóxico 'i2C', dotado de 20 millóns, para financiar proxectos de I+D+i

A Xunta busca a captación de investidores privados para aumentar este fondo de capital risco

El Presidente De La Xunta
XUNTA
Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 17 noviembre 2011 18:57

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Nov. (EUROPA PRESS) -

O Consello da Xunta deu luz verde este xoves á Consellería de Economía e Industria para activar o fondo tecnolóxico 'i2C', cun presuposto inicial de 20 millóns, destinado a impulsar a creación e posta en marcha de proxectos empresariais de base tecnolóxica cun forte compoñente de I+D+i.

Segundo a Xunta, este fondo de capital risco, que se desenvolverá no marco do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015, "é pioneiro en Galicia e está orientado a mellorar a eficacia dos apoios ao financiamento destas iniciativas".

Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria dotará a este fondo dun presuposto de 20 millóns de euros e "traballará no estudio, captación e busca de investidores privados interesados en participar no e aumentalo".

Segundo o Goberno galego, "este fondo resulta especialmente interesante para as pemes de sectores considerados estratéxicos na economía galega e cun claro perfil de crecemento". Así, a Administración autonómica asegura que "se primarán os investimentos en iniciativas relacionadas coa biotecnoloxía, nanotecnoloxía, as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), a sanidade, a educación, a seguridade e as enerxías alternativas".

Neste sentido, a Xunta asegura que a creación do fondo tecnolóxico "é parte do cambio cultural promovido polo plan i2C" e que o seu impulso se sustenta "na unión da investigación e a innovación co espírito emprendedor e cunha perspectiva baseada na colaboración do ámbito público e do privado".

Ao termo do Consello, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo especial fincapé en "buscar socios privados" para aumentar os recursos do fondo. "Activamos este fondo i2C para poñer a disposición deste mercado seco de crédito 20 millóns que esperemos aumentar co apoio dos emprendedores", asegurou.

"Imos seguir apostando na lexislatura por dous vectores: a innovación e a internacionalización da economía", apostilou Feijóo, quen recordou "o esforzo económico que realizou a Xunta para fortalecer o corpo d investigadores da comunidade con 160 investigadores e 10 millóns de euros". En palabras do presidente, o traballo "estaría incompleto se o produto desa investigación non se traslada posteriormente ás empresas".

Núñez Feijóo tamén subliñou a importancia de "seguir captando talento e aproveitalo". Para iso, ademais do fondo aprobado este xoves polo Goberno galego, o presidente fixo referencia aos 30 millóns achegados polo programa Feder Interconecta, que tamén se orienta ao financiamento de proxectos de I+D+i.

COMPETENCIAS INFORMÁTICAS

Por outra banda, o Consello da Xunta deste xoves tamén aprobou o decreto que regula o proceso para obter un certificado de competencias dixitais en ofimática. A certificación, que será emitida pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, permitirá, segundo a Xunta, "acreditar á persoa titular, ante calquera instancia pública ou privada, as súas competencias en tecnoloxías da información e das comunicacións, en materia de ofimática".

Con este mecanismo de certificación, que será habilitado para persoal da Administración pública e para o resto da cidadanía, a Xunta asegura que "se simplificará o acceso e promoción á función pública eliminando probas para comprobar a competencia nesta materia".

Dende a entrada en vigor do decreto, poderán obter a certificación de competencias dixitais e ofimáticas as persoas que acrediten mediante certificado oficial ter superado os módulos informativos 'Ofimática' ou 'Tratamento informático da información' asociados a títulos de formación profesional.

Así, segundo a Xunta, tamén se lles outorgará un certificado en competencias dixitais en ofimática ás persoas que posúan un certificado de superación das actividades do Plan Formativo Ofimático de Galicia que desenvolve a Escola Galega de Administración Pública.

Contenido patrocinado